Estás en:Novas

A Deputación cofinancia a renovación integral do alumeado público de Carnota

O pleno aprobará o venres o convenio entre a Deputación e o Concello para o financiamento da primeira fase deste ambicioso proxecto, que conta cunha subvención de 1,3 millóns de euros do IDAE con fondos FEDER

A primeira fase supón un investimento de 371.000 euros, dos que a Deputación achega 59.352

As 2.336 luminarias do municipio serán de tecnoloxía LED e renovaranse 51 cadros de luz

Formoso e Saborido destacan a importancia do proxecto, que permitirá a Carnota aforrar arredor dun 60% na súa factura eléctrica

A Deputación cofinancia a renovación integral do alumeado público de Carnota

FOTO (ARQUIVO). O presidente da Deputación e o alcalde de Carnota durante unha visita de Formoso ao municipio

A Deputación da Coruña apoiará o Concello de Carnota no financiamento das obras do Plan de renovación integral do alumeado público municipal, un ambicioso proxecto para renovar por completo estas instalacións e mellorar a eficiencia enerxética do municipio cun investimento de 1,3 millóns de euros que conta co apoio económico do IDAE no marco dos proxectos singulares para entidades locais que favorezan o paso cara unha economía baixa en carbono.

A primeira fase deste plan suporá un investimento de 371.000 euros, dos que a Deputación achega 59.352 €. O convenio de colaboración será aprobado no pleno provincial deste venres, 25 de marzo.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, explicou que con esta colaboración a Deputación pretende apoiar ao Concello de Carnota nun proxecto que permitirá renovar por completo as 2.336 antigas luminarias, a maioría delas de vapor de sodio, e substituílas por novos puntos de luz con tecnoloxía LED, que melloran a eficiencia e potencia luminosa e reducen notablemente o consumo, así como mellorar os 51 cadros de luz e os postes e instalacións eléctricas que estean en malas condicións, mellorando tamén a súa seguridade.

Aforro na factura eléctrica

Formoso indicou que, unha vez completada a actuación, permitirá ao Concello de Carnota aforrar arredor miles de euros anuais na factura eléctrica e destacou a importancia de que os concellos da provincia aposten por iniciativas coma esta, para as que contan tamén co apoio técnico da Fundación Axencia Enerxética Provincial (FAEPAC), dependente da Deputación.

Pola súa banda, o alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido Rama, subliñou tamén a importancia do proxecto para renovar un sistema de alumeado público que data de hai décadas e lembrou que a factura eléctrica supón agora mesmo para o municipio un gasto de case 150.000 euros anuais, que se está incrementado coa alza dos prezos da luz.

Saborido explicou que coas accións previstas, baixarán tanto as emisións de CO2 como o consumo eléctrico, o que traerá como consecuencia un aforro significativo na factura eléctrica de arredor dun 60% ao tempo que se mellora a calidade do alumeado e as luminarias danadas, especialmente na zona rural e litoral do municipio.

Páxinas suxeridas