Estás en:Novas

O prazo para presentar traballos ao Concurso de Viñetas remata o 12 de maio

O obxecto desta edición do certame, convocado pola área de Igualdade da Deputación da Coruña, é promover a reflexión, concienciar, dar visibilidade e mudar mentalidades en relación ao efecto Matilda

O prazo para presentar traballos ao Concurso de Viñetas remata o 12 de maio

O vindeiro 12 de maio remata o prazo para presentar traballos ao XIII Concurso de Viñetas da Deputación da Coruña, que este ano ten como tema central o 'efecto Matilda'. Dirixido a rapazas e rapaces de entre 12 e 18 anos, o obxecto do certame nesta edición é promover a reflexión, concienciar, dar visibilidade e mudar mentalidades en relación ao efecto Matilda, termo empregado por primeira vez pola sufraxista e abolicionista Matilda Joslyn Gage para describir o prexuízo en contra de recoñecer os logros das mulleres científicas, cuxo traballo a miúdo se atribúe a colegas masculinos.

Poderase presentar unha viñeta ou conxunto de viñetas —ata un máximo de 6— en cada unha das dúas categorías a concurso: de 12 a 14 anos e de 15 a 18. Outorgaranse primeiro, segundo e terceiro premio por categoría, que consistirán nun ipad e unha colección de cómics por valor de 100 euros.

Os traballos deberán estar relacionados cunha destas dúas cuestións:

  • A visibilización do efecto Matilda nas carreiras científicas das mulleres. Poderanse analizar os prexuízos e as realidades laborais, salariais, teitos de cristal, falta de recoñecemento e fendas das mulleres e as súas carreiras científicas, investigadoras, divulgativas, innovación, etc.
  • O recoñecemento de carreiras científicas de mulleres ao longo da historia e ata a actualidade, onde se ilustre sobre o seu traballo de investigación ou carreira, logros e metas na procura de referentes nas STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas).

O concurso de viñetas é unha das iniciativas que a área de Igualdade da Deputación da Coruña ten en marcha para concienciar sobre as desigualdades que afectan á muller actual na sociedade galega. Súmase a campañas máis específicas, como a do 8M 'Mobilizadxs xti', centrada en difundir a realidade da muller actual, baseándose nas cifras desfavorables en cuestións como a fenda salarial, na precarización laboral ou no ámbito da conciliación e dos coidados. Esta campaña permaneceu activa durante todo este mes de marzo a través da difusión de dez vídeos para, segundo explicara na presentación a deputada de Igualdade, María Muíño, "poñerlle cara e voz aos datos, con mulleres e homes que nos conten a súa realidade e o seu relato". Trátase de testemuños de persoas que achegan unha situación concreta asociada a datos e cifras e que explican como loitan para mudala. Pódense ver na canle de YouTube da Deputación.