Estás en:Novas

X Concurso #140enpositivo. Biblioteca da Deputación da Coruña

X Concurso #140enpositivo. Biblioteca da Deputación da Coruña

Xa está aquí o X Concurso #140enpositivo! Participa do 4 de abril ao 6 de maio, enviando as túas frases con mensaxe motivadora, de ánimo, entusiasmo, alegría ou apoio: unha mensaxe en positivo... Tes dous xeitos de participar:

a) a través do correo electrónico

b) a través dos buzóns que atoparás nas seccións de préstamo de público adulto e infantil-xuvenil.

Relacionamos a continuación as bases completas:

BASES DO X CONCURSO PALABRAS DE AMOR "#140ENPOSITIVO"

EDICIÓN 2022

A Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña convoca a décima edición do concurso "Palabras de amor: #140enpositivo"

  • Primeira. Obxecto

Nos tempos convulsos que estamos a vivir, tanto persoas adultas como mozas precisamos de palabras de ánimo e apoio; mensaxes positivas que nos impulsen e melloren o noso día a día.

O concurso ten como finalidade espertar a imaxinación dos lectores e lectoras, animar a compartir as súas creacións, dinamizar a Biblioteca e facer partícipes do concurso ao conxunto de bibliotecas municipais da provincia.

  • Segunda. Participantes

Poderán participar todas as persoas físicas, a partir de 8 anos. Quedan excluídas todas as persoas con calquera tipo de relación de servizo coa Deputación da Coruña.

  • Terceira. Formato

A máxima do concurso é o pensamento positivo, así que os participantes teñen que crear unha mensaxe motivadora, de ánimo, entusiasmo, alegría ou apoio: unha mensaxe en positivo.

As mensaxes terán unha extensión de 280 caracteres, os espazos contan.

Poden ser escritas en ordenador ou manuscritas.

As mensaxes poden estar escritas en galego ou castelán.

Cada participante poderá entregar ou enviar como máximo 3 mensaxes ou composicións.

As mensaxes deben ser inéditas ou non serán candidatables para os premios.

  • Cuarta. Forma de presentación

Os traballos deben presentarse dun dos dous seguintes xeitos:

- Enviando un correo electrónico a biblioteca.info@dacoruna.gal co asunto #140enpositivo, e especificando a mensaxe e os datos persoais da autoría (nome e apelidos, enderezo postal e número de teléfono) e en que categoría participan (categoría 1 para maiores de 15 anos, categoría 2 entre 8 e 14 anos.


- Escribindo as mensaxes nos modelos en papel dispoñibles na Sección Infantil e Xuvenil da Biblioteca ou no Servizo de Información, e deixándoas nas caixas de correo habilitados nestas dúas salas.
Quinta. Prazo de presentación
O prazo no que se pode participar no concurso é do 4 de abril ao 6 de maio.

  • Sexta. Premios

Os premios repártense en dúas categorías:

Categoría 1: Máis de 15 anos: no que se seleccionarán tres premiados ou premiadas.
Categoría 2: Entre 8 e 14 anos: no que seleccionarán tres premiados ou premiadas.
De entre todos os traballos presentados seleccionaremos, polo tanto, 6 gañadores ou gañadoras.

O premios consisten en:

- Unha tableta para o primeiro premio da categoría 2.
- Un libro electrónico para o primeiro premio da categoría 1.
- un lote de libros os segundos premios de cada categoría.
- un lote de produtos promocionais da biblioteca para os terceiros premios de cada categoría.
haberá un pequeno agasallo da Biblioteca provincial para todos os participantes.

  • Sétima. Entrega do premio

Finalizado o prazo de participación, anunciaranse os premiados na páxina web da Biblioteca, fisicamente na propia Biblioteca, e nas redes sociais Facebook, Twitter e Instagram.

As persoas gañadoras serán notificadas por correo electrónico ou teléfono. Deberán aceptar o premio nun prazo de 72 horas dende a notificación. A aceptación do premio está unida á súa recollida presencial na Biblioteca da Deputación da Coruña sempre e cando as medidas sanitarias pola COVID-19 vixentes no momento o permitan.

  • Oitava. Dereitos e deberes

Os traballos presentados e os seus autores expoñeranse na Biblioteca e difundiranse nas redes sociais propias da Biblioteca e tamén nas da Deputación da Coruña, polo que a participación no concurso supón a aceptación da mencionada difusión.

Quedarán excluídas da participación todas aquelas mensaxes de contido incompleto, inapropiado ou que non se axusten ao obxecto e ás bases do concurso.

A participación neste concurso supón a aceptación completa destas bases, así como a aceptación da decisión do xurado, que será inapelable.

As bases quedarán expostas no taboleiro de anuncios da Biblioteca, na páxina web e nas redes sociais da Biblioteca.

A Coruña, 30 de marzo de 2022