Estás en:Novas

O Plan Único da Deputación destina 630.000 euros para a mellora da seguridade viaria e equipamentos en Boiro

Financiaranse tres proxectos: a execución de beirarrúas e servizos desde Cespón a Quinteiro, a mellora da eficiencia enerxética do CEIP Santa María do Castro e a renovación de pavimentos e servizos en Carragueiros, Currillo, A Mina e Loimar

O Plan Único da Deputación destina 630.000 euros para a mellora da seguridade viaria e equipamentos en Boiro

O Plan Único da Deputación da Coruña destina un total de 630.000 euros para financiar tres obras de mellora da seguridade viaria, equipamentos e servizos en diferentes puntos do Concello de Boiro.

Unha destas actuacións será a execución de beirarrúas e servizos desde Cespón a Quinteiro (beira este), na estrada DP-1106, dende o PK 4,700 ao PK 6,200. Os traballos consistirán na creación dunha beirarrúa de 1,5 metros de ancho e a instalación de rede separativa de pluviais e fecais, de abastecemento e nova iluminación pública.

O segundo proxecto que está a licitación é o de mellora da eficiencia enerxética no CEIP Santa María do Castro. O obxectivo é realizar unha fachada térmica tipo SATE para eliminar pontes térmicas, humidades por condensación e colonizacións por fungos, obtendo unhas axeitadas condicións de confort interior e salubridade cun mínimo consumo enerxético.

Por último, o Plan Único financiará a mellora de pavimentos e servizos nos lugares de Carragueiros, Currillo, A Mina e Loimar. En total, mellorarase o firme en 2.432 metros de vía e, no caso do lugar de Currillo, tamén se aproveitará para executar unha rede separativa de pluviais que garanta que as augas de choiva non deterioren a estrada e que non acaben filtrando na rede de fecais existente.

As tres obras están en fase de licitación pública. O prazo para a presentación de ofertas na Plataforma de Contratación do Estado remata o 28 de abril.