Estás en:Novas

A Deputación recolle os froitos do seu labor de promoción do Camiño Inglés en Irlanda e recibe a un grupo de peregrinos procedentes do territorio

O deputado de Facenda, Antonio Leira, sinalou que o traballo de visibilización que está a realizar o ente provincial en Inglaterra e Irlanda atrae cada vez "a un maior número de visitantes"

A delegación procedente de Irlanda trouxo consigo un convite das autoridades de Louth County Council para visitar Drogheda, porto histórico desde o que saían os peregrinos medievais irlandeses cara Galicia

A Deputación recolle os froitos do seu labor de promoción do Camiño Inglés en Irlanda e recibe a un grupo de peregrinos procedentes do territorio

O deputado de Facenda, Antonio Leira, recibiu esta mañá na sede da Deputación da Coruña a un grupo de peregrinas e peregrinos irlandeses. A visita é o resultado das iniciativas que o ente provincial executou en Inglaterra e Irlanda, que contribuíron a visibilizar e poñer en valor o Camiño Inglés. O grupo iniciará agora a súa andaina ata Santiago de Compostela.

A delegación procedente de Irlanda trouxo consigo o convite das autoridades de Louth County Council para visitar Drogheda e establecer colaboracións entre ambos territorios co obxectivo común de promocionar esta ruta xacobea e fomentar así o turismo na provincia.

"Recibimos o convite con moitísimo entusiasmo. É un orgullo ver como o traballo de promoción e impulso do Camiño Inglés que estamos a facer fóra das nosas fronteiras está tendo os seus froitos, atraendo cada vez a un maior número de visitantes e conseguindo a colaboración de administracións de fóra de Galicia para continuar potenciando a ruta", indicou Antonio Leira no acto de recepción.

O grupo de peregrinos e peregrinas proceden de diferentes lugares de Irlanda, cunha representación destacada dos orixinarios do Boyne Valley, o lugar por onde transita un percorrido oficialmente recoñecido pola súa vinculación histórica coa ruta xacobea. O Boyne Valley Camino cubre unha distancia de 25 quilómetros e ten o seu final en Drogheda, porto histórico desde o que saían os peregrinos medievais irlandeses cara Galicia e cunha conexión lendaria ligada aos Fillos de Mil e ao poeta Armegin.

A organización que promove o Boyne Valley Camino, en colaboración coa Camino Society Ireland, propón aos peregrinos irlandeses completar o denominado Celtic Camino, a suma de rutas como a do Boyne Valley cos 75 quilómetros desde A Coruña ata Santiago para obter así a codiciada Compostela.

Estes peregrinos e peregrinas chegan hoxe a terra provincial a raíz da visita de familiarización do Camiño que a Deputación realizou en setembro de 2021 para turoperadores de Inglaterra e Irlanda. Esta acción incluía visitas guiadas, peregrinación de tramos da ruta e inmersión total na experiencia peregrina do Camiño Inglés co obxectivo de que as prescritoras e prescritores elixidos realizasen actuacións dirixidas a mellorar o coñecemento do Camiño Inglés en Inglaterra e Irlanda. Froito desa acción un dos participantes comercializou a experiencia do Camiño Inglés e diversos grupos viaxaron á provincia grazas a iniciativa da Deputación e da Asociación de Concellos do Camiño Inglés.