Estás en:Novas

Sandra González defende unha educación innovadora, feminista e inclusiva na XXIX edición das Xornadas de Equipos Directivos

A deputada de Educación asistiu á presentación do encontro, que se celebra desde hoxe e ata o sábado 7 de maio no Pazo de Mariñán

A Deputación colabora coa Asociación de Directores de CC.PP da Coruña e a UDC para o desenvolvemento desta cita referente para os profesionais do ámbito educativo

Sandra González defende unha educación innovadora, feminista e inclusiva na XXIX edición das Xornadas de Equipos Directivos

A Deputación da Coruña colabora coa Asociación de Directores de CC.PP da Coruña e a Universidade da Coruña na organización da XXIX edición da Xornada de Equipos Directivos (Educación Infantil e Primaria). O encontro celébrase desde hoxe, 5 de maio, ata o vindeiro sábado 7 de maio no Pazo de Mariñán, patrimonio do ente provincial, e nel reflexionarase sobre a realidade e os retos a afrontar no eido educativo.
A deputada de Educación, Sandra González, participou na inauguración do evento, que xa se consolida como cita de referencia para os profesionais da educación. González sinalou na súa intervención a importancia da colaboración entre as diferentes administracións, "que temos que colaborar man a man cos profesionais do eido para que o voso traballo se desenvolva con todas as garantías. Para dar impulso e axudar, dentro das competencias pertinentes de cada unha, ao desenvolvemento da educación. Unha educación que ten que ser innovadora, progresista, feminista, diversa e inclusiva".
Ao asisten equipos directivos de escolas de educación infantil, de colexios públicos de educación infantil e primaria, rurais agrupados e centros de educación especial. Ao longo das xornadas debateranse temas como a LOMLOE, a equidade na educación ou psicoloxía e neurociencia da aprendizaxe. Estes temas serán analizados por expertos como Jordi Sèrarols, inspector de Educación e profesor asociado da Universitat Oberta de Catalunya; Francisco Luna, presidente do Fórum Europeo de Administradores da Educación País Vasco; e Héctor Ruíz Martín, investigador da psicoloxía cognitiva da aprendizaxe e director da International Science Teaching Foundation.
González incidiu en que "a educación é a base para que a nosa sociedade sexa máis xusta, máis igualitaria, máis libre e democrática e estes encontros son fundamentais para seguir traballando no seu desenvolvemento". A deputada provincial salientou e agradeceu o traballo dos profesionais do eido, "sodes vós quen sentades os cimentos e guiades aos que van ser os actores e actrices do futuro".