Estás en:Novas

A Deputación concede 1.666 axudas directas para paliar o impacto do incremento do custo do combustible

Valentín González Formoso fixo hoxe balance da tramitación desta liña de subvencións dirixida aos profesionais dos sectores agrícola, gandeiro pesqueiro e do transporte
A meirande parte dos empresarios e autónomos beneficiarios recibiron xa o ingreso das axudas directas de 3.000 euros
Formoso tamén adiantou que máis de 3.000 pemes, microempresas e persoas autónomas da provincia optan ás axudas do PEL
Formoso destacou que "fomos quen de empezar a pagar as axudas nun tempo récord de entre 7 horas e, como máximo, 11 días desde que presentaron a súa solicitude"

A Deputación concede 1.666 axudas directas para paliar o impacto do incremento do custo do combustible

A Deputación da Coruña concedeu 1.666 axudas directas para paliar o impacto do incremento do custo do combustible a tras sectores estratéxicos da provincia especialmente afectados: o agropecuario, o pesqueiro e o do transporte de mercadorías.
O presidente provincial, Valentín González Formoso fixo hoxe balance dos resultados da tramitación desta liña de subvencións coa que a Deputación se converteu hai unhas semanas na primeira administración de Galicia que paga axudas directas a estes tres sectores, esgotándose en menos de 24 horas os 5 millóns de crédito dispoñibles ao recibirse máis de 4.500 solicitudes.
González Formoso, que se reuniu previamente co equipo do departamento de Promoción Económica para agradecerlles a boa e áxil xestión que levaron a cabo para a tramitación destas subvencións, valorou a rapidez coa que se concederon as axudas, destacando que "fomos quen de empezar a pagalas nun tempo récord de entre 7 horas e, como máximo, 11 días desde que presentaron a súa solicitude".
Pago en tempo récord
A día de hoxe a Deputación concedeu axudas directas de 3.000 euros a 1.666 solicitantes e ingresou xa a meirande parte delas, concretamente a 1.281 pemes, microempresas e persoas autónomas. As restantes solicitudes concedidas atópanse xa en trámite de pago e recibirán o ingreso na conta sinalada ao efecto nos vindeiros días.
A meirande parte das solicitudes concedidas proveñen do sector do transporte de mercadorías, cun 40,2% do total, seguido do sector gandeiro (28,2%), o agrícola (26,5%) e o pesqueiro (3,3%).
O 70,2% das solicitudes concedidas foron presentadas por profesionais autónomos, mentres que o 29,8% restante proveñen de pemes e microempresas con actividade profesional nestes sectores.
Dos 5 millóns de euros presupostados nesta liña de medidas urxentes xa se teñen pagado preto de catro e o importe restante será ingresado nos vindeiros días aos restantes beneficiarios.
Atendendo á distribución por concellos onde radica o domicilio fiscal das empresas e persoas autónomas beneficiarias, o de Santiago é o que máis solicitudes concedidas ten, por un importe total de 246.000 euros, seguido dos concellos de Santa Comba e Mazaricos con 189.000 euros e 180.000euros respectivamente.
Por comarcas, a de Santiago de Compostela é a que conta cunha maior cifra de solicitudes concedidas, con 645 por un importe de 1.935.000 euros, seguida de A Coruña por un importe total concedido de 777.000 e Bergantiños con 741.000 euros. Pola súa banda, a comarca de Ferrol conta con 141 solicitudes concedidas, por importe de 423.000 e a de Barbanza con 126, por importe de 378.000 euros.
Máis de 3.000 solicitudes para as axudas do PEL
Valentín González Formoso tamén adiantou hoxe que un total de 3.209 empresas e persoas autónomas da provincia da Coruña presentaron este ano as súas solicitudes para optar ás axudas PEL 2022 da Deputación da Coruña, que este ano contan cun orzamento de 7,2 millóns de euros. O prazo de recepción de solicitudes permaneceu aberto desde o 11 de abril ata o 11 de maio, ás 14.00 horas.
A meirande parte das solicitudes dirixíronse á liña de PEL-Autónom@s, consolidándoa como a liña máis demandada, con un total de 1.174 solicitudes. A través desta liña as persoas autónomas optan a unha subvención de ata 2.400 € para sufragar ata un ano de cotas á Seguridade Social que xa non estean suxeitas a ningunha bonificación.
A axuda de PEL-Emprende investimento recibiu 1.018 solicitudes e, no caso das liñas de PEL-PEMES as axudas á contratación chegaron a 837 solicitudes e as de mantemento do cadro de persoal recibiron 204 solicitudes.
Co obxectivo de chegar a un maior número de empresas as axudas PEL 2022 ven incrementado o seu orzamento inicial nun 38% respecto do ano anterior, pasando de 5,26 millóns de euros a 7,26.
O PEL é unha aposta transversal do goberno da Deputación ao que se destinaron 100 millóns de euros nos últimos seis anos. Grazas a este investimento sen precedentes na área de emprego, nos 6 anos transcorridos desde a creación do PEL, a Deputación axudou a crear 4.500 empregos, apoiou a 3.500 empresas e creou unha rede de provincial de espazos de coworking que xa conta con once centros en funcionamento.
Un ano máis o PEL permitirá seguir creando emprego nun contexto económico adverso, con axudas que poden alcanzar os 45.900 euros para persoas autónomas de concellos de menos de 20.000 habitantes, xa que todas as axudas PEL2022 son compatibles entre si.