Estás en:Novas

A área de Igualdade da Deputación da Coruña pon en marcha a quinta edición da campaña "Liberdade de ser e sentir"

O programa deste ano, que se presentará o 27 de xuño e se prolongará ata a segunda semana de xullo, volve combinar a presencialidade e o formato dixital para achegar a públicos de todas as idades xogos, obradoiros, palestras e outro material audiovisual, didáctico e interactivo co obxectivo de sensibilizar sobre a importancia da tolerancia e a igualdade das persoas, independentemente da súa orientación sexual e identidade de xénero

A área de Igualdade da Deputación da Coruña pon en marcha a quinta edición da campaña

Comezou unha nova edición, a quinta, da campaña "Liberdade de ser e sentir", unha iniciativa coa que a área de Igualdade da Deputación da Coruña quere, para a conmemorar o Día das Diversidades Sexuais, que se celebrará o vindeiro 28 de xuño, sensibilizar sobre a importancia da tolerancia e a igualdade das persoas, independentemente da súa orientación sexual e identidade de xénero.

Nesta primeira semana da campaña, que se presentará o 27 de xuño e se desenvolverá ata a segunda quincena de xullo, o departamento que dirixe a deputada María Muíño está a pechar a listaxe de concellos e entidades da provincia que se sumarán ao programa —en 2021 foron 85 concellos e 15 entidades—. Tamén informará das datas nas que se celebrarán os obradoiros infantís —presenciais, ao igual que a palestra do 2 de xullo— e publicará o primeiro vídeo de presentación de colectivo LGTBAQI+.

A programación desta edición volve combinar a presencialidade e o formato dixital. Como novidade, este ano non haberá envío de material promocional, pero si se poderán descargar os aplicativos coa imaxe da campaña na área privada da web á que teñen acceso os concellos e entidades que formalicen a adhesión.

María Muíño destacou a pluralidade de propostas, deseñadas en colaboración coas entidades, que "ofrecerán ferramentas e materiais para utilizar durante todo o ano e sumar miradas inclusivas para avanzar nunha sociedade máis tolerante e igualitaria".

Actividades

  • Para público infantil. organización de 15 obradoiros presenciais 'A vida é de cores! Unha educación alén do branco e negro', orientados á rapazada de 5 a 7 anos. Durante os talleres as nenas e os nenos achegaranse mediante o xogo ás diversidades afectivo-sexuais, co obxectivo de favorecer o bo trato e os coidados, así como previr o rexeitamento e o auto-rexeitamento por motivos de orientación ou identidades e aprender a poñer límites e expresar os afectos de maneira saudable. Estes 15 obradoiros impartiranse en 15 concellos da provincia entre o 27 de xuño e o 13 de xullo. Para determinar cales serán os 15 concellos onde se van desenvolver os obradoiros farase un sorteo entre todas as solicitudes.
  • Actividade para a mocidade. Subirase a web do programa (https://seresentir.gal/inicio/gl/) un xogo de pistas, pensado para exteriores, aproveitando as datas estivais a posibilidade de que os concellos e as entidades queiran incorporar a actividade ás súas programacións de verán, campamentos, etc. O xogo estará dispoñible desde o 27 de xuño.
  • Actividade para público adulto/familiar. O sábado 2 de xullo, en horario de mañá, está prevista a celebración —en sede por confirmar— dunha palestra presencial e retransmitida por 'streaming,' na que a sexóloga Martina González Veiga achegará a conceptos e termos relacionados coas diversidades sexo-afectivas, así como a abordaxe do respecto e acompañamento ás diversidades dende o ámbito familiar e educativo.

Na web da campaña irase actualizando información e recursos para que concellos e entidades poidan traballar coa veciñanza. Na actualidade están dispoñibles un feixe de contidos, como vídeos de colectivos LGTBAQI+, pílulas
informativas, xogo interactivo, webserie e outro material recompilado ao longo das anteriores edicións.