Estás en:Novas

Cincocentos nenos e nenas da provincia participan este verán nos campamentos deportivos da Deputación

Xa están no IES Rosalía Mera da Coruña da Coruña os primeiros 100 rapaces e rapazas para gozar das actividades deportivas e culturais durante unha semana

A deputada de Deportes, Cristina Capelán, visitou hoxe aos escolares e destacou a gran acollida dos campamentos da Deputación tras dous anos de parón pola pandemia

"Temos unha oferta lúdico deportiva moi completa para que todos os nenos e nenas poidan gozar dun verán de actividades, aprendizaxe e compartan vivencias con novos compañeiros e compañeiras", afirma

Cincocentos nenos e nenas da provincia participan este verán nos campamentos deportivos da Deputación

A deputada de Deportes, Cristina Capelán, visitou hoxe aos escolares

Cincocentos rapaces e rapazas dos 93 concellos da provincia participarán desde este domingo e ata finais de xullo nos Campamentos Deportivos 2022 da Deputación da Coruña, que regresan este verán tras dous anos de parón pola pandemia.

Os campamentos están destinados a nenos e nenas de entre 9 e 14 anos de idade e desenvolveranse no IES Rosalía Mera da Deputación, situado na cidade da Coruña, en cinco quendas de seis días de duración cada unha.

A deputada de Deportes, Cristina Capelán, visitou hoxe aos escolares e celebrou "a boa acollida que teñen estes campamentos entre a mocidade dos concellos da provincia, tanto é así, que incrementamos o número de prazas, pasando das 400 da edición de 2019 ás 500 deste ano e están todas cubertas", afirmou.

Capelán tamén definiu a iniciativa " un apoio para a conciliación durante o período estival. "Propoñemos un programa lúdico e deportivo moi completo para que todos os nenos e nenas poidan gozar dun verán de actividades, aprendizaxe e vivencias compartidas con novos compañeiros e compañeiras".

Durante as xornadas de campamento, a rapazada participante poderá gozar de deportes náuticos, actividades ao aire libre, excursións á praia e visitas culturais, deportivas e etnográficas en zonas de interese na provincia da Coruña. As actividades e xogos buscarán en todo momento fomentar a comunicación, o intercambio de experiencia, a convivencia e o respecto polos demais.

As quendas son as seguintes:

1ª quenda (do 26 de xuño ao 2 de xullo): Aranga, Bergondo, Cabanas, Capela, Coirós, Culleredo, Curtis, Fene, Irixoa, Melide, Miño, Oza-Cesuras, Paderne, Pontedeume, As Pontes, Sada, Santiago, Vilarmaior e Vilasantar.

2ª quenda (do 3 ao 8 de xullo): Abegondo, Ames, Arzúa, A Baña, Boimorto, Boqueixón, Cerceda, Frades, Mesía, Negreira, Ordes, Oroso, O Pino, Rois, Santiso, Sobrado, Teo, Toques, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra e Vedra.

3ª quenda (do 10 ao 15 de xullo): Arteixo, Betanzos, Cabana de Bergantiños, Cambre, Carballo, Carral, Coristanco, A Laracha, Laxe, Malpica, Mazaricos, Mugardos, Oleiros, Ponteceso e Santa Comba.

4ª quenda (do 17 ao 22 de xullo): Ares, Cariño, Cedeira, Cerdido, A Coruña, Ferrol, Mañón, Moeche, Narón, Neda, Ortigueira, San Sadurniño, As Somozas e Valdoviño.

5ª quenda (do 24 ao 29 de xullo): Boiro, Brión, Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Dodro, Dumbría, Fisterra, Lousame, Muros, Muxía, Noia, Outes, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Vimianzo e Zas.