Estás en:Novas

Formoso destaca o papel “estratéxico” do sector forestal na economía galega durante a súa visita á feira Galiforest de Boqueixón

A cita preséntase como un escaparate das últimas novidades desta actividade económica e como un foro para analizar a realidade sectorial

Formoso destaca o papel “estratéxico” do sector forestal na economía galega durante a súa visita á feira Galiforest de Boqueixón

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, estivo presente, esta mañá, na feira Galiforest Abanca de Sergude (Boqueixón). O evento, que celebra este ano a súa sexta edición, preséntase como unha cita clave para o sector forestal. Durante a súa visita, Formoso incidiu en que o sector forestal xoga un papel "estratéxico" na economía da Coruña e de toda Galicia.

Tras o aprazamento no ano 2020 pola emerxencia sanitaria da covid-19, a feira retomouse novamente, consolidándose como unha cita de referencia na actividade forestal, non só a nivel autonómico, senón tamén peninsular.

O programa ofreceu xornadas técnicas sobre plantas forestais melloradas e produtos non maderables, a organización dunhas 180 demostracións en vivo sobre o funcionamento da maquinaria e traballos no monte e mesmo certames, entre outras actividades. A edición de 2022 congregou a 371 firmas expositoras de diferentes países. Deste xeito, ademais dun escaparate das últimas novidades, Galiforest converteuse, nos últimos días, nun foro para a análise da realidade sectorial.