Estás en:Novas

Formoso felicita as persoas galardoadas coas Medallas de Galicia e destaca a súa implicación na promoción do Camiño de Santiago

O presidente da Deputación asistiu no Gaiás á entrega dos galardóns


Agradece aos premiados o seu labor "para impulsar e manter un dos grandes patrimonios culturais de Galicia"

Formoso felicita as persoas galardoadas coas Medallas de Galicia e destaca a súa  implicación na promoción do Camiño de Santiago

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asistiu hoxe na Cidade da Cultura de Santiago á entrega das Medallas de Galicia 2022.
Nesta edición distinguiuse na súa categoría de ouro, ao Arcebispo de Santiago, Monseñor Julián Barrio; Paolo Caucci von Saucken, un dos expertos no Camiño de maior prestixio no mundo; Begoña Valdomar Insua, do albergue de Fisterra; a asociación DisCamino de Santiago; e, a título póstumo, José Carro Otero, comisario no Xacobeo 93, figura relevante no rexurdimento deste evento cultural.
Todas estas persoas, relacionadas directamente co Camiño, dedicaron moito esforzo a potenciar a ruta xacobea e deste xeito a impulsar o maior recurso turístico da provincia e de toda a comunidade.
Formoso agradeceu aos premiados o seu labor para impulsar e manter "un dos grandes patrimonios culturais de Galicia". De feito, a Medalla de Ouro recaeu na figura do Arcebispo de Santiago pola súa implicación na restauración da Catedral de Santiago e pola difusión do fenómeno das peregrinacións. Tamén gabou o papel de Caucci von Saucken que desde a Universidade de Perugia realizou centos de estudos científicos sobre o fenómeno do xacobeo.
Tamén se destacou o traballo de Begoña Valdomar, que representa a todas as persoas que atenden os peregrinos nos albergues da comunidade, "un labor decisivo para o éxito do Camiño de Santiago que ten que ter un recoñecemento merecido".
Así mesmo, premiouse o importante proxecto que leva a cabo a Asociación DisCamino para que a ruta xacobea sexa accesible e para facer realidade os soños de persoas con diversidade funcional para facer o Camiño.
Por último premiouse a título póstumo ao doutor Carro Otero, médico e antropólogo, que tivo unha contribución decisiva o éxito do Camiño.