Estás en:Novas

A Deputación da Coruña sinaliza o Camiño Inglés a Santiago no tramo Reading- Southampton, en Inglaterra

Grazas ao apoio do ente provincial, o Camiño Inglés a Santiago entre Reading e Southampton estrea unha nova sinalización

A Deputación da Coruña sinaliza o Camiño Inglés a Santiago no tramo Reading- Southampton, en Inglaterra

O Camiño de Santiago entre Reading e Southampton revive unha histórica ruta de peregrinación inglesa con sinalización moderna, unha nova guía e o apoio da Deputación da Coruña, asociacións de turismo, empresas de hostalería e igrexas ao longo das súas 68 millas de lonxitude.

O Camiño Inglés foi sinalizado pola Confraternity of Saint James, unha organización dirixida por voluntarios dedicada a promover a experiencia do camiño no Reino Unido e España, co apoio da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia. As distintivas balizas de cor azul escuro con frechas amarelas e unha cuncha de vieira -símbolo de Santiago utilizado no Camiño de Santiago- axudarán os peregrinos, camiñantes e familias que emprenden a ruta a gozar da súa experiencia e manter o rumbo.

Os deputado provincial Antonio Leira subliñou este novo fito na promoción do Camiño Inglés e o Camiño Fisterra-Muxía, as dúas rutas xacobeas que discorren integramente dentro da provincia da Coruña. "En 2019 instalamos os primeiros sinais do Camiño en Finchale e hoxe máis de 500 frechas amarelas identifican xa ao tramo Reading-Southampton desta histórica ruta. Hai moitas persoas británicas que xa están vivindo en primeira persoa a experiencia do Camiño partindo do quilómetro cero, como facían os primeiros peregrinos na época medieval", afirmou Antonio Leira, que destacou "a riqueza patrimonial e histórica do tramo inglés desta ruta xacobea".

A tradición da peregrinación remóntase ao agasallo do rei Enrique I da 'Man de Santiago Apóstolo' á Abadía de Reading no século XII, o que inspirou unha tradición de catro séculos de peregrinación para ver a reliquia e continuar a viaxe a Santiago. Nos séculos XIII e XIV, os peregrinos medievais visitaban a Abadía de Reading para ver a Man de Santiago,. Desde alí, continuaban a súa peregrinación a través dos actuais West Berkshire e Hampshire ata Southampton antes de tomar un barco cara ás cidades costeiras do noroeste de España (A Coruña ou Ferrol) para camiñar os 75 ou 113 km restantes respectivamente ata a catedral de renome mundial en Santiago.

A ruta de 68 millas está sinalizada con 500 marcadores de ruta desde as ruínas da Abadía de Reading ata God's House Tower en Southampton, e pasa pola idílica campiña de West Berkshire e Hampshire, así como polas cidades históricas de Reading, Winchester e Southampton. O punto de partida é a Igrexa de St James en Reading. Desde Reading, a ruta percorre Silchester, Alresford e Winchester ata Southampton, seguindo os pasos que un típico peregrino medieval seguiría para viaxar de igrexa en igrexa ata a costa antes de abordar un barco a España. Hoxe en día, un desvío a Plymouth ou Portsmouth para tomar un ferry, ou ao aeroporto de Southampton, asegura un paso máis.

Alex Brannen, director de Comunicación de Reading, di: "É moi emocionante lanzar unha nova ruta a pé de longa distancia que une tantos destinos históricos. O Camiño é unha das rutas de peregrinación máis populares do mundo e agora os camiñantes no Reino Unido poden experimentar parte desa experiencia aquí mesmo, mentres seguen os pasos dos peregrinos da época medieval a través das nosas vilas e cidades históricas e a gloriosa paisaxe ao longo do camiño.".

Na actualidade, a ruta de peregrinación do Camiño de Santiago en España é unha das rutas a pé de longa distancia máis transitadas do mundo, con máis de 350.000 peregrinos ao ano que toman unha variedade de rutas a Santiago desde diferentes partes de Europa e máis aló.

David Sinclair, un voluntario da Confraternity of Saint James que supervisa a instalación dos 500 paneis de sinalización, di: "Este xigantesco proxecto para establecer firmemente o Camiño Inglés como un Camiño de Santiago no Reino Unido foi un obxectivo da CSJ durante máis de 30 anos. Esperamos que esta iniciativa abra o camiño para que moitas persoas poñan a roupa de paseo este verán e, como peregrinos, descubran o Camiño Inglés".

Deste xeito, a Deputación continúa o seu labor de promoción do Camiño Inglés en Reino Unido, xunto coa colaboración da Asociación de concellos do Camiño Inglés e a Asociación de concellos do Camiño Fisterra-Muxía.

A esta acción hai que engadir a sinalización doutros tramos en Inglaterra, no nordés (desde a abadía de Finchale pasando pola catedral de Durham e a localidade de Bishop Auckland) ou no oeste, no condado de Cornwall. Nestes últimos tramos tamén colaborou a Xunta de Galicia, cofinanciando a sinalización.