Estás en:Novas

A Deputación da Coruña alíase coas universidades de Santiago de Compostela e A Coruña para apoiar o emprendemento innovador con base tecnolóxica

A institución provincial achega 400.000 euros para que USC e UDC participen na ampliación de capital de UNIRISCO, a primeira empresa de capital de risco vinculada aos proxectos das universidades galegas

Formoso destaca o compromiso da Deputación "nun tema clave como é a transferencia de coñecemento entre a universidade e a empresa, que supón en definitiva unha aposta polo talento da nosa xente moza para impulsar novos proxectos empresariais que contribúan ao desenvolvemento económico de Galicia"

A Deputación da Coruña alíase coas universidades de Santiago de Compostela e A Coruña para apoiar o emprendemento innovador con base tecnolóxica

Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, Antonio López Díaz, reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Julio Abalde Alonso, reitor da Universidade da Coruña (UDC) e José Ramón Rioboo, deputado de Emprego, asinaron un protocolo de colaboración para impulsar na provincia da Coruña a creación de novas empresas innovadoras cunha importante base tecnolóxica.

O xerme deste acordo de colaboración está na futura ampliación de capital que se vai aprobar pola sociedade de capital de risco UNIRISCO GALICIA S.A, participada por ambas as dúas institucións académicas. Esta sociedade ten como misión fundamental contribuír a incrementar a transferencia de coñecementos das universidades e centros de investigación ao mundo empresarial, achegando financiamento, participando no capital e concedendo préstamos a proxectos emprendedores baseados en ciencia e tecnoloxía. Tanto a Universidade de Santiago como a da Coruña son socias fundadoras e participan no accionariado desta sociedade de capital risco.

A próxima ampliación de capital de UNIRISCO é unha boa oportunidade para que, co apoio da Deputación da Coruña, USC e UDC poidan participar dela e así asegurar que na política de investimentos de UNIRISCO se priorice a empresas radicadas na provincia da Coruña pertencentes a sectores considerados estratéxicos como a biotecnoloxía, farmacoloxía, tecnoloxías da saúde, tecnoloxías da información e a comunicación (TIC), sector agroalimentario, industria 4.0, economía circular ou novas formas de enerxía e sustentabilidade.

Tanto o presidente da Deputación coma os reitores das universidades salientaron a necesidade de apostar decididamente pola innovación e as novas tecnoloxías, favorecendo ecosistemas de empredemento de base tecnolóxica.

"Unha das claves no desenvolvemento desta política é o apoio financeiro que entidades como UNIRISCO poden ofrecer ás empresas de nova creación cuxa actividade se enmarque en sectores estratéxicos para a provincia", explicou o presidente provincial, Valentín González Formoso.

Formoso destacou o "firme compromiso da Deputación nun tema clave como é a transferencia de coñecemento entre a universidade e a empresa, que supón en definitiva unha aposta polo talento da nosa xente moza para impulsar proxectos empresariais que contribúan ao desenvolvemento económico de Galicia":

A Deputación compromete neste acordo unha achega económica de 400.000,00 €, coa finalidade de financiar a participación das universidades de Santiago e da Coruña na ampliación de capital de UNIRISCO GALICIA.