Estás en:Novas

A Deputación subvenciona con 20.000 euros a revitalización dos recursos e servizos turísticos do Concello de Laxe en 2022

"Desde Turismo da Deputación seguimos apostando por fomentar a colaboración coas administracións locais para o desenvolvemento de proxectos comúns que contribúan á mellora dos recursos turísticos provinciais", sinalou o vicepresidente provincial, Xosé Regueira, na sinatura do acordo

A achega permitirá o financiamento da programación de actividades de turismo activo (como piragüismo, paddle surf, surf, sendeirismo, zumba, pilates e ioga) e outras propostas socioculturais, educativas ou medioambientais

A Deputación subvenciona con 20.000 euros a revitalización dos recursos e servizos turísticos do Concello de Laxe en 2022

A Deputación da Coruña subvencionará con 20.000 euros a revitalización dos recursos e servizos turísticos do Concello de Laxe en 2022. O vicepresidente provincial, Xosé Regueira, e o alcalde de Laxe, José Luís Pérez Añón, asinaron o convenio, cuxa achega permitirá o financiamento da programación de actividades de turismo activo (como piragüismo, paddle surf, sendeirismo, zumba, pilates e ioga) e outras propostas socioculturais, educativas, ou medioambientais. O proxecto tamén contempla a edición e deseño gráfico de publicacións, cartelaría, folletos e guías; accións de márketing en liña e contratación de relatores, técnicos e profesores.

"Desde Turismo da Deputación seguimos apostando por fomentar a colaboración coas administracións locais para o desenvolvemento de proxectos comúns que contribúan á mellora dos recursos turísticos provinciais", sinalou o vicepresidente provincial, Xosé Regueira, na sinatura do acordo.

"O interese público deste proxecto", engadiu, "queda acreditado tamén ao garantir que non terá efectos prexudiciais sobre a biodiversidade nin sobre os ecosistemas. En particular pretende protexer os espazos naturais, marítimos e terrestres, contemplados como elementos prioritarios e distintivos da política turística municipal".

O municipio está directamente vinculado a un sector que se considera esencial dentro das políticas públicas do Concello de Laxe, en base á súa declaración oficial como Municipio Turístico Galego, aos índices crecentes tanto de demanda coma de oferta turística, e ao peso obxectivo que este sector ten sobre a economía local.

"Este proxecto", saliente Regueira, "polas súas concretas características no relativo ao ámbito e alcance de actuación, ten un especial interese estratéxico para o Concello de Laxe e resulta imprescindible para dar cobertura ás necesidades da industria turística municipal na súa globalidade".