Estás en:Novas

Ferrol acolle o luns a Bandeira de Traiñeiras “Deputación da Coruña”

A deputada Ana Lamas, o alcalde en funcións de Ferrol, Antonio Golpe, o presidente da Federación Galega de Remo, José Manuel Seijas, e a presidenta do Club de Remo A Cabana de Ferrol, presentaron o evento

10 clubs de remo masculinos e femininos da provincia disputarán a bandeira nunha regata de 3 millas, que constará de 5 ciabogas e 6 longos

Repartiranse 24.000 euros en premios

Ferrol acolle o luns a Bandeira de Traiñeiras “Deputación da Coruña”

A Enseada da Malata en Ferrol acolle este luns, 15 de agosto, a partir das 19:00 horas, a tradicional Bandeira de Traiñeiras Deputación da Coruña, que chega á súa trixésimo segunda edición masculina e á terceira na modalidade feminina.

A competición, organizada coa colaboración da Federación Galega de Remo, contará coa participación dun total de 10 clubs da provincia (presentan 8 equipos masculinos e 6 femininos), que disputarán a Bandeira nunha regata de 3 millas mariñas (5.556 metros) que constará de 5 ciabogas e 6 longos. Repartiranse 24.000 euros en premios entre os e as participantes.

O evento foi presentado esta mañá no Concello de Ferrol nun acto que contou coa presenza do alcalde en función da localidade, Antonio Golpe, o presidente da Federación Galega de Remo, José Manuel Seijas, a presidenta do Club de Remo A Cabana de Ferrol, Andrea Loureiro; e a deputada Ana Lamas, que destacou que "Ferrol converterase na capital do remo cunha proba da que desde a Deputación estamos moi orgullosos, tanto pola súa traxectoria como pola implicación que amosan cada ano as persoas que compiten nela, así como os valores que transmiten, co traballo en equipo por bandeira".

Ana Lamas lembrou que se trata dunha competición cunha gran tradición (leva trinta e dous anos celebrándose cada verán nas rías da provincia) e que "froito da nosa aposta pola igualdade no deporte" conta tamén desde 2019 cunha edición feminina na que este ano volverán a competir seis clubs. A deputada agradeceu o gran traballo desenvolvido pola Federación Galega de Remo para a organización do evento.

Pola súa banda, o alcalde, Antonio Golpe, destacou que "para o Concello de Ferrol é unha satisfacción moi grande que este ano se desenvolva na nosa cidade" e fixo unha mención especial ao "grande incremento que ten a participación na modalidade feminina".

Con respecto á participación feminina, Andrea Loureiro salientou que "este ano no club A Cabana participamos nunha unión comarcal, coas remeiras de Mugardos" e asegurou que "o espectáculo está garantido, será unha regata cun formato atractivo para o espectador".

O presidente da Federación Galega de Remo, José Manuel Seijas, quixo agradecerlle o recibimento "ao Concello de Ferrol, un dos grandes núcleos mariñeiros".

14 equipos e 24.000 euros en premios

Na competición masculina participarán 8 equipos: o C.D. Mariñeiro de Mera, o C.R. Rianxo, o C.R. Cabo de Cruz, o C. Mar de Mugardos, o C. Regatas Perillo, o C.R. Narón, o C.R. Puebla e o C.R. Ares.

Na feminina participarán un total de 6 equipos: o C.R. Rianxo, o C.R. Cabo de Cruz, o C. Regatas de Perillo, o C.R. Náutico de Riveira, o C.R. Puebla e o C. R. A Cabana de Ferrol.

Os premios en categoría masculina oscilan entre os 2.500 euros para o primeiro clasificado e os 700 euros do décimo, mentres que na feminina van dos 2.500 da primeira aos 1.200 da sexta clasificada.