Estás en:Novas

A Deputación financia, a través do Plan único, a instalación de saneamento en Cadreche e San Isidro, na Pobra do Caramiñal

A actuación conta cun orzamento de 163.068 euros, dos que a Deputación achegará 162.938,88 euros e os 129,80 euros restantes serán asumidos polos fondos municipais

Os traballos, que permitirán dotar a esta zona dun servizo esencial, inclúen a realización dun bombeo e a execución dun colector con ramais de PVC

A Deputación financia, a través do Plan único, a instalación de saneamento en Cadreche e San Isidro, na Pobra do Caramiñal

A Deputación da Coruña destina, a través do Plan único, 162.938,88 euros para financiar o proxecto de instalación dunha rede de saneamento para os núcleos de Cadreche e San Isidro, na parroquia de Posmarcos do Concello da Pobra do Caramiñal.

A actuación, que conta cun orzamento total de 163.068 euros dos que a Deputación achegará 162.938,88 euros e os 129,80 euros restantes serán asumidos polas arcas municipais, permitirá dotar a estes dous núcleos do servizo de saneamento, do que carecían.

Os traballos que se van levar a cabo inclúen a realización dun bombeo para recoller as augas procedentes dos dous núcleos e impulsalas ata a rede existente no lugar de Saborido, a instalación dun colector de saneamento de PVC de 315 mm. de diámetro con ramais de PVC de 250 mm de diámetro e a reposición do pavimento afectado polas obras.

Para o cruzamento da canalización de bombeo no tramo correspondente coa autovía AG-11 será preciso cortar o tráfico dos seus catro carrís pero farase de un en un, comezando por un lateral.

A obra atópase en proceso de licitación pública no perfil do contratante do Concello da Pobra do Caramiñal e o prazo de presentación de ofertas finaliza mañá, mércores 17 de agosto