Estás en:Novas

Nace o primeiro Trofeo Alevín de fútbol 8 da Deputación da Coruña

Disputarase do 16 ao 18 de setembro en Santiago de Compostela e competirán os 36 mellores equipos da provincia

Haberá actividades paralelas de ocio que impulsarán a participación e a socialización

Nace o primeiro Trofeo Alevín de fútbol 8 da Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña organiza en Santiago, o 16, 17 e 18 de setembro, o primeiro Torneo Alevín F-8 Deputación da Coruña, unha competición na que participarán os mellores conxuntos da categoría nunhas xornadas festivas.

Este torneo, a disputar na volta aos adestramentos dos equipos de categorías inferiores de toda Galicia, nace co obxectivo de impulsar a participación e a socialización entre os distintos clubs participantes, así como continuar co labor de xerar adhesión á práctica deportiva por parte dos mozos, todo iso, nun ambiente lúdico que contará con actividades de lecer paralelas.

O torneo celebrarase en formato de Fútbol-8 mixto para categoría alevín (nados nos anos 2009 e 2010). Na cita participarán un total de 36 equipos da provincia, que se convidarán por orde de clasificación das ligas organizadas pola Federación Galega de Fútbol a tempada pasada.

Sistema de competición

O sistema de competición terá unha liga inicial de catro equipos por grupo e posteriormente eliminatorias divididas entre cadro principal e cadro secundario, en función da clasificación conseguida. Os dous primeiros pasarán á disputa das eliminatorias na parte principal do cadro e os terceiros e cuartos clasificados pasarán á parte secundaria deste, co obxectivo de que todos os equipos disputen o mesmo número de encontros.

As inscricións xa están abertas a través da páxina web da SD Compostela ata completar a cota de 36 equipos.