Estás en:Novas

A Deputación da Coruña completa as obras da rotonda de Iñás e a amplicación da estrada Mera-Veigue, en Oleiros

A rotonda da Chasqueira en Iñás elimina un cruzamento moi perigoso nun punto no que conflúe o tráfico de Oleiros, Cambre, Culleredo e Abegondo, polo que pasan máis de 3.400 vehículos ao día

As obras de ampliación da estrada Mera-Veigue melloran a seguridade de vehículos e peóns na estrada que conecta directamente coa Vía Ártabra

Formoso destaca que ambas obras, cun investimento de 1,2 millóns, permiten "un tráfico seguro e fluído na comarca

A Deputación da Coruña completa as obras da rotonda de Iñás e a amplicación da estrada Mera-Veigue, en Oleiros

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou hoxe o Concello de Oleiros para dar conta do investimento realizado pola institución provincial en dúas importantes obras de mellora da seguridade viaria no municipio, xa rematadas tras un investimento de máis de 1,2 millóns de euros.

Formoso, acompañado do alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, do deputado José Ramón Rioboo e de técnicos do departamento provincial de Vías e Obras visitou as obras de ampliación e mellora da estrada DP-5815, que vai de Mera a Veigue e que supuxo un investimento de 575.816,35 euros, e da nova rotonda creada na DP-1707 no lugar de A Chasqueira (Iñás), que contou cun orzamento de 579.089,06 euros e permite mellorar a conexión e a seguridade viaria nun punto no que conflúe o tráfico dos concellos de Oleiros, Culleredo, Cambre e Abegondo.

No caso da rotonda da Chasqueira, o proxecto serviu para resolver un punto negro de tráfico, eliminando unha intersección que tiña escasa visibilidade para os vehículos que se incorporaban desde a DP-1707 á estrada autonómica AC-211, unha vía estratéxica pois comunica e enlaza os citados concellos de comarca coruñesa. "Esta zona rexistra, hoxe en día, unha media de 3.400 vehículos, dos cales o 7% son pesados, e prevese que nos próximos anos poida alcanzar os 4.500 vehículos diarios, polo que se trata dunha obra moi importante para eliminar un problema de seguridade viaria e mellorar a seguridade a fluidez das comunicacións por estrada non só en Oleiros, senón en toda a comarca", destacou González Formoso.

"Desde as administracións afrontamos eses puntos negros, como era o Sol y Mar ou este cruce de Iñás, que se converten en zonas de tráfico fluído e seguro grazas a investimentos que son bastante importantes", salientou, detallando que "nestas dúas intervencións investimos máis de 1,2 millón de euros o que, para unha Deputación que inicialmente ten un orzamento de 180 millóns de euros, é un gran esforzo pero creo que era necesaria para Oleiros e para a comarca coruñesa".

Mellora da estrada que enlaza coa Vía Ártabra

Por outro lado, a ampliación e mellora da estrada que vai de Mera a Veigue estivo motivada porque esta vía, a DP-5815, serve de conexión coa Vía Ártabra polo que esta actuación era necesaria para facer fronte ao aumento do tráfico que terá que soportar.

O presidente provincial cualificou esta actuación como "unha pequena gran obra que pon moi en valor Mera e tamén Oleiros" e agradeceu "aos veciños e veciñas da zona por soportar as molestias que ten sempre unha obra desta envergadura, que permitiu solucionar un problema de conexión que tiña Mera nunha vía que acredita miles de vehículos, sobre todo no verán, polo acceso ás praias". "Ampliamos de 5 a 12 metros a vía, na que tamén habilitamos unha zona de senda para os peóns e ciclistas", engadiu.

Pola súa parte, Ángel García Seoane comentou que "hai que facer moito investimento nas estradas, son o tipo de obras que realmente agradecen os veciños e que son totalmente necesarias para Oleiros e para a comarca". "A Deputación está nesa liña", subliñou.

"Aquí había unha estrada que tiña catro metros e medio e agora ten doce metros de ancho. Este non é un tema de Oleiros, é da comarca da Coruña, porque os cidadáns usan masivamente estas estradas", afirmou García Seoane, que lembrou que no cruce de Iñás houbo accidentes mortais, que agora poden evitarse eliminando esa perigosa intersección.

Páxinas suxeridas