Estás en:Novas

A Deputación adxudica a redacción do proxecto construír unha senda no tramo do Camiño Inglés que vai da Ponte do Porco á Ponte do Lambre

O proxecto servirá de base para a creación dunha senda que garanta a seguridade peonil nun tramo de 1,3 quilómetros que conecta Miño e Paderne polo que corre este itinerario xacobeo

A Deputación adxudica a redacción do proxecto construír unha senda no tramo do Camiño Inglés que vai da Ponte do Porco á Ponte do Lambre

FOTO (Arquivo). Visita á zona do presidente, Valentín González Formoso, cos alcaldes de Paderne e Miño

A Deputación da Coruña adxudicou por 19.057,50 euros a redacción do proxecto para a construción dunha senda peonil nas marxes da estrada provincial DP-4804 entre A Ponte do Porco e a Ponte do Lambre, que contribuirá a facilitar o tránsito peonil e mellorar a seguridade de veciños e peregrinos, xa que o tramo forma parte do itinerario do Camiño Inglés.

O tramo obxecto deste proxecto ten unha lonxitude de algo máis de 1,3 quilómetros e actualmente conta cun ancho de calzada reducido, inferior aos catro metros, sen beiravías nin zona habilitada para a circulación de peóns, a pesar de ser frecuentado por numerosos peregrinos.

Precisamente debido á súa incidencia directa no Camiño de Santiago, a redacción do proxecto deberá coordinarse cos requisitos establecidos polos técnicos da Xunta de Galicia nesta materia.

Por outra banda, o tramo obxecto do proxecto percorre baixo un paso superior da vía do ferrocarril Betanzos-Ferrol e nas inmediacións do cauce do río Lambre, polo que será necesario coordinar tamén o proxecto cos organismos competentes.

Páxinas suxeridas