Aberto o prazo de presentación de propostas para o IV Certame Luísa Villalta a proxectos pola igualdade
Establécese oito premios de 12.500 euros, aos que poderán optar proxectos que poñan en valor o papel histórico, económico, social e cultural das mulleres ou contribúan de forma relevante ao avance no asentamento social da aposta pola igualdade de xénero
O prazo de presentación dos traballos remata o 20 de outubro
A Deputación da Coruña vén de abrir a convocatoria do IV Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade, cuxo prazo de presentación de traballos remata o 20 de outubro. O certame repartirá 100.000 euros, 12.500 para cada un dos oito proxectos que se subvencionarán.
Poderán optar traballos que poñan en valor o papel histórico, económico, social e cultural das mulleres ou contribúan de forma relevante ao avance no asentamento social da aposta pola igualdade de xénero, a loita contra a violencia de xénero, a diversidade sexual e intersecionalidade.
"A institución provincial", explica a deputada de Igualdade, María Muíño, "está fondamente comprometida co desenvolvemento de políticas e iniciativas axuden á consecución dunha sociedade xusta, libre, igualitaria e democrática". "Con este certame", engade, "queremos contribuír tamén a divulgar a obra e a figura de Luísa Villalta, destacada representante da cultura galega contemporánea, tanto no ámbito musical como no literario, e do activismo e compromiso social coa transversalidade e o enfoque de xénero na súa escrita, a prol da loita pola igualdade real e o apoderamento das mulleres".
Na pasada edición, resultaron gañadores desde un traballo de tradución feminista entre linguas non hexemónicas; unha longametraxe documental participativa sobre memoria e relato íntimo feminino; ou unha adaptación teatral para público xuvenil e adulto da novela "Os nenos da varíola", de María Solar; ata unha iniciativa multidisciplinar que compila testemuñas de mulleres vítimas do franquismo, pasando por audiovisuais e propostas escénicas.