Estás en:Novas

A exposición do Premio Ksado de fotografía xa pode visitarse no Museo do Pobo Galego ata o 6 de novembro

A mostra recolle a serie gañadora 'Lume,' do ourensán Brais Lorenzo, e as cinco series finalistas correspondentes a Fuco Reyes, Belén Lozano, Carlos González, Sergi Cámara e Arturo Rodríguez

A exposición do Premio Ksado de fotografía xa pode visitarse no Museo do Pobo Galego ata o 6 de novembro

A presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concepción Losada, o deputado de Cultura, Xurxo Couto, e o fotógrafo e comisario Xurxo Lobato, participaron esta tarde na apertura da mostra que recolle as series gañadora e finalistas do Premio Ksado de Creación Fotográfica. A exposición, que permanecerá no Museo do Pobo Galego ata o 6 de novembro, continuará cara a finais deste ano e comezos de 2023 unha itinerancia por varios concellos da provincia.

No acto da apertura da mostra participaron, ademais, o gañador do Premio nesta edición, o fotoxornalista ourensán Brais Lorenzo, e dous dos fotógrafos finalistas, o compostelán Fuco Reyes e a lucense Belén Lozano.

Na súa intervención, Xurxo Couto lembrou que "o Museo do Pobo Galego é sempre o primeiro fogar da exposición do Premio Ksado", institución á que lle trasladou o agradecemento pola colaboración continua con este certame. O deputado, ademais de felicitar ao gañador e finalistas, salientou que a conexión que a serie gañadora 'Lume' ten "cunha realidade que, desafortunadamente, nos é demasiado próxima neste país, a dos incendios forestais e as súas consecuencias, cun relato que apela ás nosas conciencias e nos move á reflexión, ao máis puro estilo do fotoxornalismo de denuncia social". Tamén tivo palabras para as series finalistas indicando que "nesta exposición non só atoparemos crítica e denuncia social, senón que a sensibilidade, a mirada artística e o respecto pola propia disciplina da fotografía tamén están moi presentes".

Convén lembrar que na presente edición do Ksado, o xurado elixiu como serie gañadora 'Lume', que narra a traxedia que, para Galiza e para o mundo, representan os incendios, como consecuencia do cambio climático, da despoboación do campo, da irresponsabilidade dos pirómanos.

Como finalistas, a mostra recolle as series 'La escoria rebelde', na que Fuco Reyes (Compostela) ofrece a súa particular visión sobre a mocidade; 'Paisaxes da inexistencia' un relato visual cun marcado matiz poético a cargo de Belén Lozano (Lugo); 'Mascaras del Entroido Gallego' na que o fotógrafo Carlos G. Ximénez (Madrid) se centra nunha das celebracións máis sobranceiras do noso país; 'Europa "not welcome", serie coa que Sergi Cámara (Barcelona) achega a realidade da migración máis crúa; e 'Vulcanonautas' na que Arturo Rodríguez (Tenerife) amosa unha singular interpretación dos territorios afectados polo volcán de La Palma.