Estás en:Novas

Ana Lamas destaca o apoio da Deputación aos servizos sociais municipais, “os máis próximos á cidadanía”

A deputada de Benestar inaugurou hoxe no Pazo de Mariñán unha xornada na que máis de 70 profesionais das áreas de Benestar Social dos concellos do Consorcio das Mariñas debaten sobre os retos de futuro da súa profesión

Os pequenos concellos contratan a 177 profesionais dos servizos sociais e financian 386.000 horas de servizo de Axuda no Fogar grazas ao apoio económico da Deputación

Ana Lamas destaca o apoio da Deputación aos servizos sociais municipais, “os máis próximos á cidadanía”

A deputada de Benestar Social, Ana Lamas, a alcaldesa de Betanzos e vicepresidenta do Consorcio das Mariñas, María Barral Varela, e a concelleira de Benestar Social de Bergondo, María Begoña Calviño, inauguraron esta mañá no Pazo de Mariñán o IX Encontro dos Servizos Sociais Comunitarios, unha xornada dirixida a técnicos e responsables políticos da área Servizos Sociais dos concellos que forman parte do Consorcio das Mariñas.

No seu discurso inaugural, a deputada destacou o compromiso do goberno provincial co mantemento dos servizos sociais municipais "os máis próximos á cidadanía, os que cada día reciben e resolven centos de problemas que afectan as persoas máis desfavorecidas ou que atravesan situacións difíciles".

"Somos conscientes da dificultade e o gran esforzo que supón para un concello pequeno contar con profesionais especialistas no ámbito social, por iso nos últimos anos incrementamos a dotación económica do programa de Servizos Sociais Comunitarios nun 137% , permitindo que os concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia da Coruña poidan contratar persoal administrativo, técnico ou de axuda a domicilio", afirmou a deputada, que destacou que esta cantidade económica permite contratar este ano a 177 profesionais da área social nos municipios e financiar 386.000 horas de Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

Estes profesionais prestan atención e servizo cada día a milleiros persoas con problemas de índole social, que con frecuencia pertencen a diversos colectivos especialmente vulnerables: infancia, mulleres maltratadas, persoas con especiais dificultades de inserción laboral, maiores sen recursos, persoas sen fogar ou con discapacidade, explicou a deputada.

Lamas destacou que, para o Goberno provincial, a área social é "unha prioridade" e citou outros programas da Deputación que contribúen a apoiar as persoas que máis o necesitan coma a Teleasistencia, que chega xa case a 3.200 persoas maiores na provincia, as liñas de axudas para entidades sociais que chegan a 273 asociacións da provincia ou o financiamento da asesoría xurídica social do Consorcio das Mariñas, que o ano pasado recibiu 656 consultas de persoas en situación vulnerable que non poden acceder a soporte xurídico.

Durante a xornada de hoxe, uns 70 técnicos/as e concelleiros/as de Servizos Sociais dos concellos dos municipios do Consorcio das Mariñas (Abegondo, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Oleiros, Culleredo e Sada) formaranse e debaterán sobre aspectos relacionados co seu labor diario e analizarán os retos de cara ao futuro no ámbito dos servizos sociais.

A innovación en servizos sociais coa persoa no centro da intervención, adolescentes en conflito: un reto para os profesionais, estratexias de traballo en rede coas entidades sociais no territorio ou design thniking aplicado ao ámbito social son títulos dalgúns dos relatorios que se desenvolverán durante a xornada, que será clausurada esta tarde por Lúa Sanguiñedo, concelleira de Benestar en Cambre e directora do Plan Coordinador de Servizos Sociais do Consorcio das Mariñas e Alejandra Pérez, alcaldesa de Bergondo.