Estás en:Novas

María Muíño pon en valor a liña de traballo da Deputación para dotar os concellos de persoal especializado en Igualdade de Xénero

A deputada de Igualdade reuniuse está mañá coas 16 axentes de Igualdade que xa están incorporadas aos concellos para poñer en marcha políticas de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e iniciativas contra a violencia de xénero

María Muíño pon en valor a liña de traballo da Deputación para dotar os concellos de persoal especializado en Igualdade de Xénero

A deputada de Igualdade, María Muíño, vén de manter unha xuntanza de traballo coas 16 profesionais que xa están incorporadas aos concellos como axentes de Igualdade, ao abeiro da convocatoria para a contratación de persoal técnico do seu departamento provincial. Desenvolverán accións e programas de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e iniciativas contra a violencia de xénero, nos concellos de Cabanas, Rois, A Pobra do Caramiñal, Coirós, Boimorto, Brión, Moeche, Boiro, A Laracha, Betanzos, Mañón, Vimianzo, San Sadurniño, Arzúa e Rianxo.

Durante a xornada, que se celebrou no IES Rosalía Mera da Coruña, María Muíño deulles a benvida a todas as profesionais facendo énfase na "meta complicada" que os marcamos cando puxemos en marcha esta liña de traballo desde a Deputación "co obxecto de ir implementando en todo o territorio políticas e programas de igualdade levadas a cabo con rigor e profesionalidade, para o que necesitamos persoal especializado". A deputada asegurou que "a vosa presenza no territorio é fundamental de cara a camiñar cara unha rede de concellos en igualdade, que sigue sendo un obxectivo que nos marcamos no medio prazo"

Esta primeira xornada de coordinación, na que tamén participou o equipo técnico do Servizo de Igualdade da Deputación, serviu para profundar nas liñas de acción que se establecen desde o ente provincial e para poñer en común a situación de partida e coordinarse no traballo que se vai desenvolver ao longo dos vindeiros meses. Ao igual que en edicións anteriores, as profesionais enfocaron a xornada en torno a tres cuestións fundamentais: as políticas de transversalidade de xénero no ámbito local; a mellora da coordinación inter-institucional ante a prevención e intervención en materia de violencia de xénero; e os retos de futuro das políticas de igualdade de xénero municipais.

Páxinas suxeridas