Estás en:Novas

Formoso destaca “a importancia da colaboración entre administracións” para sacar adiante o tren a Langosteira, “un proxecto estratéxico para a provincia”

O presidente provincial asistiu ao acto de inicio das obras do acceso ferroviario ao porto exterior da Coruña, que o conectarán co Corredor Noroeste de Mercancias e o Eixo Atlántico
Esta actuación conta cun investimento de 123,5 millóns de euros e permitirá crear unha vía de 6,5 quilómetros, o 79% en túnel

Formoso destaca “a importancia da colaboración entre administracións” para sacar adiante o tren a Langosteira, “un proxecto estratéxico para a provincia”

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou hoxe, venres 11 de novembro, "a importancia da colaboración entre administracións" para sacar adiante a conexión ferroviaria co porto exterior da Coruña, en Punta Langosteira, "un proxecto estratéxico para a área coruñesa e para a provincia".

Formoso asistiu ao acto realizado con motivo do inicio das obras do enlace ferroviario, no que tamén participaron a secretaria de Estado de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, Isabel Pardo de Vera, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, e o presidente de Puertos del Estado, Álvaro Rodríguez.

O presidente provincial destacou durante a súa intervención que esta actuación ten "o aval social, o político, e, o máis importante, o do tecido produtivo, xa non de Galicia ou de España, senón do mundo", facendo referencia a que a execución da conexión ferroviaria permite, por exemplo, que grandes multinacionais como Mersk valoren Langosteira como posible emprazamento para a súa actividade.

"Creo que hoxe é o día para dar as grazas", sinalou González Formoso, que lembrou que "hoxe resúmese todo nun acto de posta da primeira pedra pero detrás hai un enorme esforzo" e agradeceu "ao ministro Ábalos, á ministra Sánchez pero, por enriba de todo, a Isabel Pardo de Vera polo seu esforzo para obter ese investimento, nun momento delicado onde as peticións son moitas de todos os portos do Estado". "Cónstame o enorme esforzo de Isabel para negociar en Bruxelas e no propio Ministerio para que esta infraestrutura sexa realidade. Grazas de todo corazón, Isabel, en nome desta provincia, porque esta infraestrutura leva o teu nome", afirmou.

Investimento de 123,5 millóns de euros e 6,5 quilómetros de vía

A conexión ferroviaria co porto exterior permitirá unir punta Langosteira co Corredor Noroeste de Mercadorías e o Eixo Atlántico, a través dun investimento de 123,5 millóns de euros froito do convenio asinado entre o Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, ADIF, Puertos del Estado e a Autoridade Portuaria da Coruña, con cargo ao Mecanismo de Reconstrucción y Resiliencia da Unión Europea a través dos fondos Next Generation.

A infraestrutura terá 6,5 quilómetros de lonxitude e o 79% da construción executarase a través de túneles. O primeiro ramal que se executará será o norte, que une punta Langosteira co eixo atlántico en dirección Coruña, Betanzos e Lugo. Logo será a quenda para o acceso sur, que o conectará con Santiago e sur de Galicia e, por último, construirase a rede interior do porto.