Estás en:Novas

Os primeiros resultados do programa piloto ‘O lavadorio’ daranse a coñecer en San Sadurniño nun encontro aberto

Esta iniciativa, impulsada pola área de Igualdade da Deputación da Coruña nos concellos de San Sadurniño e Moeche, nace como un proxecto innovador e de base social para afrontar a violencia machista

Os resultados do traballo realizado ao logo deste ano explicaranse nun encontro na Casa da Cultura de San Sadurniño o 26 de novembro a partir das 11:30h

Os primeiros resultados do programa piloto ‘O lavadorio’ daranse a coñecer en San Sadurniño nun encontro aberto

A área de Igualdade da Deputación, xestionada pola deputada María Muíño, botou a andar a comezos de ano un proxecto piloto innovador e de base social para afrontar a violencia de xénero desde unha perspectiva distinta e complementaria dos outros mecanismos de loita contra esta lacra da nosa sociedade. Así, baixo o título de O Lavadoiro, promoveu a creación dun grupo de mulleres "facilitadoras" nos concellos de San Sadurniño e Moeche, co obxectivo de contar cunha rede veciñal de apoio ás vítimas e que, ademais, conte cos coñecementos necesarios para detectar posibles casos e cumprir coa necesaria función de acompañamento no proceso de deixar atrás a súa situación.

Ademais, dentro deste Lavadoiro tamén naceu un grupo de homes "aliados" coa misión de difundir un novo modelo de masculinidade comprometido coa igualdade, a corresponsabilidade e a erradicación do machismo. Os resultados iniciais do proxecto -que ten vocación de continuidade- daranse a coñecer nun evento programado para a mañá do sábado 26 de novembro na Casa da Cultura de San Sadurniño a partir das 11:30 h.

En primeiro lugar explicaranse os pasos dados até o momento -o proxecto arrancou en febreiro titorizado pola cooperativa Arabías- e os logros alcanzados, como a posta en marcha do grupo de mulleres "facilitadoras" que artellan a rede de apoio veciñal a vítimas do maltrato, así como o grupo de homes "aliados", cuxo obxectivo é mudar o modelo de masculinidade heteropatriarcal que aínda pesa, e moito, na nosa sociedade. Será unha representación de ambos grupos quen comente co público o traballo que desenvolven, con idea de que o proxecto continúe avanzando de maneira autónoma a partir de agora e incorporando máis persoas tanto ao grupo de facilitadoras como ao de aliados.

Cara ao remate da xuntanza tamén intervirán representantes municipais de San Sadurniño e Moeche e responsables técnicas da cooperativa Arabías, antes de darlle paso á actuación de Vero Rilo coa súa proposta escénica "Lavandeiras", que parte da recollida oral de testemuños e vivencias nos lavadoiros, antano auténticos foros de empoderamento feminino e de sororidade.

Páxinas suxeridas