Estás en:Novas

A Deputación financia con 90.000 euros a programación cultural e de divulgación científica da UDC

Valentín González Formoso vén de asinar un convenio colaborador co reitor da UDC, Julio Abalde, a través do que o ente provincial achega o 80% do presuposto do programa e que contempla diferentes liñas de difusión na provincia

Formoso resaltou a necesidade de promover a cultura e de proporcionar á mocidade as ferramentas oportunas para poder desenvolver os seus proxectos

Ambas institucións cofinancian a través deste acordo xornadas, obradoiros creativos, cursos, exposicións, residencias artísticas, o coro da UDC ou ciclos de música e cinema, entre outras actividades

A Deputación financia con 90.000 euros a programación cultural e de divulgación científica da UDC

A Deputación da Coruña destina un total de 90.000 euros para financiar a programación cultural e de divulgación do coñecemento científico da Universidade da Coruña en 2022.

O presidente do ente provincial, Valentín González Formoso, vén de asinar un convenio de colaboración co reitor da UDC, Julio Abalde Alonso, que contempla diferentes liñas de actuación prioritarias na difusión da cultura na provincia. O orzamento total ascende a 112.500 euros, unha cantidade da que a Deputación achega o 80%.

Dentro deste ciclo de actividades inclúense xornadas como a cuarta edición dos Premios Isabel Zendal, que buscan fomentar o pensamento crítico e racional como ferramenta indispensable para a comprensión do mundo e a toma de decisións na vida diaria, especialmente entre a xente moza ou a A First Lego League 2022, un programa de ámbito internacional que desafía á mocidade a resolver problemas do mundo real como a reciclaxe, a educación ou as enerxías renovables a través da ciencia e da enerxía.

Unha das prioridades da Deputación da Coruña, segundo destacou González Formoso no encontro, "é a necesidade de promover a cultura". O presidente provincial tamén resaltou a importancia da divulgación científica e a necesidade de dotar "a mocidade das ferramentas oportunas para que sexan capaces de desenvolver os seus proxectos sen ningún tipo de impedimento, maximizando as súas capacidades". Engadiu que "é preciso manter unha aposta firme polo noso futuro".

Para o reitor, "a creación e promoción da cultura, expresamente da galega, e da divulgación científica forma parte das funcións da Universidade da Coruña". Neste sentido, engadiu Abalde, "agradecemos a implicación da Deputación da Coruña para que poidamos desenvolver este compromiso coa sociedade".

O convenio incluíu tamén as aulas de teatro e danza, recuperadas neste 2022 tras a pandemia, o club de lectura, de carácter mensual, e comprende, por outra banda, residencias, que teñen como fin apoiar proxectos de investigación e creación nos ámbitos do teatro, a escritura dramática, a danza, a música ou as artes visuais, entre outros. Deste xeito ofrécese aos artistas recursos infraestruturas, técnicos e humanos para o desenvolvemento das súas iniciativas.

Neste senso, retomouse neste 2022 a residencia de creadores emerxentes "Interaccións Artísticas en Galicia", a través dun convenio no que a Deputación colabora xunto á RAG de Belas Artes, Os Conservatorios Superiores de Música da Coruña e de Vigo e as tres universidades galegas.

Ademais, despois do éxito da primeira edición do ano 2021, realizouse unha nova Convocatoria do Programa de Residencias Artísticas Normal – Fundación María José Jove. Desta vez establecéronse dúas residencias, proporcionando ás persoas seleccionadas o acceso a un espazo de traballo e os recursos necesarios para a produción de proxectos audiovisuais.

Á súa vez, tamén se cofinancian o coro da UDC, creado no 1990, e exposicións en Normal, onde se realizaron exhibicións como 'Cabria para Normal' ou 'A Galicia Deseñada. Símbolos, marcase identidades gráficas'. No programa tamén se incluíron outras actividades fixas e puntuais como poden as accións polo Día das Letras Galegas, ciclos de música e cinema ou rutas singulares de carácter histórico sobre a cidade de Ferrol e figuras como María Casares.