Estás en:Novas

Igualdade da Deputación presenta, da man de San Sadurniño e Moeche, o Pacto comunitario O Lavadoiro para erradicar as violencias machistas

A Casa da Cultura de San Sadurniño acolleu esta mañá a presentación do Pacto comunitario O Lavadoiro, que supón o arranque dunha estratexia que se empezou a preparar hai meses co obxectivo de implicar a sociedade -man con man coas institucións- na loita contra a violencia de xénero desde a inmediatez, a empatía e a proximidade.

Igualdade da Deputación presenta, da man de San Sadurniño e Moeche, o Pacto comunitario O Lavadoiro para erradicar as violencias machistas

No encontro de presentación, ao que asistiron principalmente facilitadoras, aliados e persoal técnico e político, destacouse o carácter innovador da rede e o feito de que estea sostida nunha base veciñal - este é o aspecto máis novidoso-, como resposta "ás necesidades de concellos coma os nosos, pequenos e dun ámbito rural", tal e como indicou a concelleira e responsable provincial de Igualdade, María Muíño Filgueira. A deputada agradeceu a implicación das persoas que participan nos grupos e o traballo desenvolvido polo persoal técnico e pola Cooperativa Arabías para poñer en marcha un proxecto "que é un agasallo" e que ademais "nace con forza, confianza e ganas de medrar".

Na mesma liña tamén se manifestaron Cristina García Rey e Araceli Bellas Castro, responsables do ramo nos concellos de Moeche e San Sadurniño. Rey mostrou a súa "confianza no proxecto e nos seus avances", sobre todo desde a recente incorporación da nova Axente de Igualdade ao cadro de persoal de Moeche, mentres que Bellas reiterou o compromiso dos concellos co Lavadoiro, indicando que ambos consistorios "sempre estarán aí para apoiar a rede veciñal no que faga falta".

O Lavadoiro é un programa de prevención, formación e sensibilización sobre a violencia machista impulsado pola Área de Igualdade da Deputación da Coruña nos concellos de San Sadurniño e Moeche, guiado nos últimos meses polo equipo técnico da cooperativa Arabías. O Lavadoiro xorde como unha proposta de intervención integral no contexto rural concibida como un espazo no que a veciñanza se poida implicar de maneira activa compartindo información, coñecemento e aprendizaxes para a prevención, a formación e a sensibilización en materia de violencia de xénero.

Entre marzo e xuño deste ano desenvolvéronse diferentes actividades de capacitación e sensibilización arredor da prevención e a atención en casos de violencia machista, co obxectivo de tecer unha rede municipal de sororidade que lle dea apoio a mulleres en situación de violencia machista e fomentar a cultura da igualdade de xénero.

O pacto comunitario presentado hoxe é resultado, polo tanto, dun proceso participativo entre os grupos que forman parte do Lavadoiro: as veciñas que decidiron unirse nun grupo de facilitadoras comunitarias, os veciños que formaron o grupo de aliados e o persoal profesional e político das administracións locais que participou no proxecto. Despois de traballar na posta en marcha dun espazo de escoita e de construción colectiva, estes grupos chegaron a diferentes acordos para que a rede veciñal funcione de forma autónoma e coordinada baixo os principios da confianza mutua e a sororidade.

Neste sentido, o documento do Pacto comunitario O Lavadoiro recolle os saberes, roles e compromisos de cada un destes grupos no marco da rede veciñal, ademais de ser unha guía de recursos de atención. O Lavadoiro é, en resume, unha rede pioneira que tece, recupera e transforma o común para lograr unha nova comunidade, un novo escenario público e unha nova ruta de acompañamento para mulleres que vivan unha situación de violencia machista.

Tal e como quedou patente na xuntanza de presentación celebrada esta mañá na Casa da Cultura de San Sadurniño, O Lavadoiro inicia a súa andaina cun carácter vivo e versátil, que lle permita ir amoldándose tanto aos cambios sociais que se vaian producindo como ás necesidades que vaian xurdindo e, nese sentido, nace con vocación de seguir ampliando a rede veciñal.

De feito, tralo acto de hoxe, os grupos iniciais de facilitadoras comunitarias e de aliados desenvolverán unha campaña de dinamización do proxecto entre os colectivos veciñais dos dous concellos. A campaña reforzarase desde os medios de comunicación municipais co obxectivo de darlle a máxima difusión ao Lavadoiro e de explicar -unha vez máis- cales son os seus obxectivos e, o máis importante, como entrar formar parte da rede, algo que pode facer calquera persoa interesada contactando co proxecto a través deste formulario en liña, da súa páxina en Facebook ou enviando un correo a lavadoiromoesan@gmail.com.

Na rede de facilitadoras e aliados tamén se pode entrar falando coa Educadora familiar de San Sadurniño, Pilar Calvo -pilar.calvo@sansadurnino.gal / 981 490 027-, ou coa nova Axente de Igualdade de Moeche, Ana Loredo, que atende en correo@moeche.gal e no 981 404 006.

A presentación do Pacto comunitario O Lavadoiro rematou cunha actuación informal de Vero Rilo narrando contos e vivencias recollidas en distintos puntos de Galicia -pero principalmente no seu Mugardos natal- enfiadas todas cunha mensaxe de afouteza, empoderamento e irmandade en feminino. Xusto o que simboliza O Lavadoiro.

Pacto-comunitario.pdf

Páxinas suxeridas