Estás en:Novas

A Deputación licita por 940.000 euros as obras da senda peonil entre Santiago de Compostela e Figueiras

O tramo obxecto de actuación transcorre entre o PQ 0 e o PQ 2+560 da estrada provincial DP-7803

Os traballos inclúen a ampliación da beiravía, establecendo un novo itinerario peonil continuo ao longo deste segmento da estrada, mellorando a seguridade

A Deputación licita por 940.000 euros as obras da senda peonil entre Santiago de Compostela e Figueiras

A Deputación da Coruña vén de sacar a licitación pública o proxecto de construción dunha senda peonil entre Santiago de Compostela e a parroquia de Figueiras, na DP-7803, un proxecto ao que dedica un investimento de 941.049 euros.

A actuación, que se levará a cabo no tramo que vai desde o PQ 0 ata o PQ 2+560, incluíndo o ramal inicial, ten o obxectivo de mellorar a seguridade viaria nesta estrada provincial, así como a creación dun novo itinerario peonil continuo que discorrerá ao longo deste tramo.

"Coa licitación das obras da senda de Figueiras cumprimos un compromiso deste goberno provincial e damos resposta a unha necesidade a unha antiga demanda de mellora da seguridade peonil nesta zona de Santiago", afirmou o presidente provincial, Valentín González Formoso, que destacou que a senda terá unha lonxitude de 2,5 quilómetros e conectará nalgúns tramos con camiños que se dirixen ou proceden do Monte Pedroso, nos que se rexistra un elevado número de camiñantes.

A estrada DP-7803 serve de acceso aos núcleos de poboación de Bar de Abaixo, As Moas de Arriba, Marmancou e Figueiras, no termo municipal de Santiago de Compostela. As obras van desde o inicio da vía ata o punto quilométrico 2+56.

Esta nova senda materializarase a través da ampliación da beiravía, que pasa do medio metro actual ata os 2,8 metros de ancho. Con este espazo poderase establecer unha vía máis ampla e unha senda de 1,8 metros de ancho. O pavimento seleccionado para esta superficie será unha mestura bituminosa quente. No tramo no que se atopan os núcleos de vivendas, que vai desde o PQ 1+020 ata o PQ 0+220, óptase por executar beirarrúas con bordos.

O prazo para a presentación de ofertas no proceso de licitación pública rematará o 10 de xaneiro do ano 2023.