Estás en:Novas

Igualdade presenta a a campaña #aunicaquimicaposible para promover o dereito a gozar das festas en relacións de igualdade

Con motivo do Nadal, a área provincial de Igualdade bota a andar unha campaña en redes para promover o dereito a gozar sen medo, libres de submisións químicas e doutras violencias de xénero

A campaña reivindica unha única química posible nas relacións: a que está baseada na igualdade, o consentimento e a atracción mutua, e, en definitiva, no desexo entre as partes implicadas

Igualdade presenta a a campaña #aunicaquimicaposible para promover o dereito a gozar das festas en relacións de igualdade

O dereito a gozar sen medo, libres de submisións químicas e doutras violencias de xénero, é o obxectivo da campaña #aunicaquimica posible que presenta, a partir de hoxe, a área provincial de Igualdade, que xestiona a deputada María Muíño. A campaña está deseñada para ser difundida en redes sociais, tanto nos perfís institucionais da Deputación da Coruña, como desde entidades e concellos da provincia –e que colaboran noutras compañas de Igualdade como #DeFronte-; e tamén para ser partillada por todas as persoas que desexen difundir a mensaxe de igualdade e consentimento mutuo nas relacións.

"Nunha época coma o Nadal, chea de festas e saídas nocturnas, é máis importante que nunca fomentar as relacións en igualdade e ocupar os espazos de lecer desde unha óptica de seguridade e diversión para todas as persoas" asegura María Muíño a respecto da idea que fundamenta esta acción.

Xogando coa táboa periódica dos elementos químicos, a campaña reivindica a única química posible nas relacións: a que está baseada na igualdade, o consentimento e a atracción mutua, e, en definitiva, no desexo entre as partes implicadas.

Nesta campaña a acción recae sobre o agresor e non sobre a vítima. O agresor é interpelado directamente para que se dea conta de que tratar de manter relacións sexuais cunha persoa que non está en posesión das súas plenas facultades polo abuso de alcol e/ou doutras drogas ou ben administrar substancias químicas para anular a súa vontade é un delito denominado submisión química.

A creatividade de #aunicaquimicaposible foi deseñada por Iria Otero e Marián Rodríguez da axencia As Peaky Branders e conta coa supervisión e asesoría en perspectiva de xénero de María Reimóndez.