Estás en:Novas

A Deputación premia un traballo do CPI As Mirandas sobre a relación entre Ares e Cuba a través da emigración

O traballo "Ares e Cuba, unha historia compartida" obtén o I premio Lazos Coruñeses con America Latina, convocado pola institución provincial

Ares contou coa primeira escola indiana de Galicia construída con fondos da emigración do municipio na Habana. Ata cinco escolas do municipio foron financiadas pola emigración aresá

A Deputación premia un traballo do CPI As Mirandas sobre a relación entre Ares e Cuba a través da emigración

A sede da Deputación acolleu a reunión do xurado do Premio de Investigación Escolar "Lazos Coruñeses con América Latina", convocado pola institución provincial, que decidiu por unanimidade conceder o galardón ao traballo elaborado polo alumnado do CPI As Mirandas de Ares e titulado "Ares e Cuba, unha historia compartida. A súa pegada indeleble no noso pobo".

O xurado, presidido polo deputado de Emprego, José Ramón Rioboo, e integrado por María José Rodríguez Galdo, María Xosé Porteiro García e Micaela Fernández Darriba, valorou a calidade do traballo premiado, unha exhaustiva análise da longa relación entre Ares e Cuba a través da emigración.

O presidente, Valentín González Formoso, trasladou a súa felicitación ao alumnado e o equipo docente do CPI As Mirandas "por un excelente traballo que contribúe a manter na memoria colectiva e dar a coñecer entre as novas xeracións a importancia que a emigración tivo e ten para Ares e para toda Galicia".

O alumnado investigou sobre as razóns, o proceso e a pegada da emigración en Ares. Neste sentido, no traballo destácase o feito de que "En Ares temos que estar orgullosos de ter a primeira escola indiana de Galicia, e a segunda de España, impulsada, pagada e sostida polos emigrantes aresáns na Habana. Non foi unha escola, senón cinco, as que se construíron no Concello de Ares co capital e a ilusión dos nosos emigrantes". A primeira escola foi a Alianza Aresana de Instrucción, seguida das escolas de Redes (A Tenencia), Escola de Nenas de Ares, Seselle e Cervás.

O traballo premiado foi realizado por 7 alumnos e alumnas de 4° de ESO dentro da materia de Xeografía e Historia e en colaboración coa materia de Lingua Galega e tamén co Equipo de Dinamización Lingüística, a través do programa de fomento da Lingua Galega que se leva a cabo no centro. Os alumnos participantes foron:

- Geovanna Carvalho de Medeiros Correia

- Luís Alejandro Crespo Oltra

- Hugo Martínez Cortizas

- Fabio Polo Leira

- David Vila Villares

- Iván Pena Dovale

- Gonzalo Martínez Cauce

A profesora coordinadora do proxecto foi María do Rocío Pena Pena, profesora de Xeografía e Historia no centro educativo.

O Premio de traballos de investigación escolar "Lazos coruñeses con América Latina" Premio LACAL) ten por obxectivo fomentar o coñecemento da historia da migración galega e a creación das comunidades galegas nos países de América Latina, dada a especial relevancia que este feito migratorio tivo e ten na provincia da Coruña. Tamén ten como finalidade o fomento, a través da implicación da mocidade, da recuperación dos lazos de unión, afectividade, coñecemento e colaboración coas comunidades galegas nos países de América Latina. O premio establécese para centros escolares con sede na provincia da Coruña.