Estás en:Novas

Avanzan a bo ritmo as obras de mellora da seguridade do cruzamento de Landoi, en Cariño

Valentín González Formoso e o alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar, visitaron o lugar dos traballos, que está previsto que rematen durante a primavera

O proxecto, que ten un orzamento total de 425.000 euros, inclúe a modificación do trazado da estrada de Landoi para aumentar a visibilidade na intersección

Constrúese un carril central de espera e desdóbrase o esquerdo, facilitando así as incorporacións

Avanzan a bo ritmo as obras de mellora da seguridade do cruzamento de Landoi, en Cariño

A Deputación da Coruña avanza a bo ritmo na execución das obras de mellora da seguridade na intersección das estradas provinciais DP- 6121 e DP-6119, que dá acceso a Landoi, no Concello de Cariño, e que contan cun orzamento total de 425.000 euros.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar, visitaron a zona na que se están a acometer os traballos, que está previsto que rematen durante a primavera.

O obxectivo desta actuación é eliminar un punto perigoso da rede provincial de estradas e mellorar a seguridade viaria no citado cruzamento, que dá acceso á parroquia de Landoi desde a estrada de Mera a Cariño, unha zona na que existía unha escasa visibilidade.

As obras inclúen, por unha banda, a modificación do trazado da estrada de Landoi (DP-6119) para aumentar o radio de xiro da manobra de incorporación á vía de Mera a Cariño gañando así visibilidade e, pola outra, a creación na vía de Mera a Cariño (DP-6121) dun carril central de espera e o desdobramento do esquerdo para facilitar as incorporacións a Landoi.

O proxecto contempla tamén a creación neste punto dunha área de descanso con vistas á ría e a execución dunha zona de xiro para que os vehículos que circulan pola estrada xeral poidan realizar cambios de sentido.