Estás en:Novas

A Deputación completa as obras da senda ciclista que percorre o encontro de Cecebre ata Carral

Inaugurarase cunha marcha a pé e en bici que terá lugar o domingo 12 de febreiro

Para participar é necesario inscribirse, ata o 3 de febreiro, en www.dacoruna.gal/deporte/andaina/inscricion

Consta de 32 quilómetros de ruta por un dos espazos naturais de referencia na provincia e discorre polos municipios de Abegondo, Betanzos, Bergondo e Carral

A Deputación impulsa a creación de 130 quilómetros de sendas ciclistas con proxectos singulares coma este ou a Vía Verde Santiago-Cerceda

A Deputación completa as obras da senda ciclista que percorre o encontro de Cecebre ata Carral

A Deputación da Coruña organiza unha andaina e marcha cicloturista o domingo 12 de febreiro para inaugurar a nova senda ciclista que percorre a contorna do encoro de Cecebre e que conecta con Carral, un itinerario de 32 quilómetros nun dos espazos naturais de referencia da provincia polos municipios de Abegondo, Betanzos, Bergondo e Carral.

A saída será ás 9:30 horas desde o pavillón de Guísamo, en Bergondo, e a chegada está prevista para as 15:30 horas no Campo da Feira de Carral. Serán en total 18 quilómetros de marcha a pé ou en bici nos que ademais haberá un punto de avituallamento intermedio en Abegondo, concretamente na Cidade Deportiva do Mundo do Fútbol do Real Club Deportivo de la Coruña.

A actividade é gratuíta pero para participar é necesario inscribirse, ata o 3 de febreiro, cubrindo o formulario habilitado na páxina web www.dacoruna.gal/deporte/andaina/inscricion. As persoas participantes recibirán unha camiseta de regalo e disporán dun servizo de bus con diferentes modalidades: desde o seu concello ao lugar de saída, desde a chegada ata o lugar de saída, desde a chegada ao seu concello ou desde o avituallamento a saída ou á chegada. Polo tanto, está iniciativa está adaptada ás necesidades e posibilidades de cada persoa, podendo facer a ruta completa ou só a metade.

Tres tramos con máis de 2,1 millóns de euros de investimento

O proxecto da 'Senda ZEC' contou cun importante investimento de 2.150.688 euros, cofinanciados nun 80% con fondos europeos FEDER a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE). Esta ruta permite visitar en bicicleta ou a pé algúns dos espazos naturais de referencia na provincia da Coruña.

A Deputación da Coruña asumiu directamente a xestión das actuacións, que se dividiron en tres tramos. O primeiro deles transcorre polos municipios de Abegondo, Bergondo, Betanzos e Carral. O segundo e terceiro discorren por Abegondo e Carral.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destaca a importancia de proxectos como este no cambio cara unha mobilidade máis sostible no territorio provincial. "Desde a Deputación estamos a realizar unha importante aposta para promover un novo modelo de mobilidade respectuosa co medio, onde a bicicleta adquire un papel central" indica.

Coexistencia de peóns e ciclistas

O novo carril bici discorre en gran parte polo territorio da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, empregando como base estradas, rúas, pistas municipais, camiños rurais e sendas de titularidade pública. Peóns e ciclistas compartirán os devanditos camiños, polo que a Deputación acometeu diferentes actuacións que permiten compatibilizar esa coexistencia a través de renovación de vías, mellora na seguridade viaria e instalación de sinalización ambiental e turística, respectando sempre o valor medioambiental da contorna.

A ruta, dividida nos tres tramos sinalados con anterioridade, discorre ao carón da ribeira do encoro de Cecebre, saíndo un ramal para Guísamo e outro que aproveita o Val do Barcés para chegar a Carral, discorrendo por núcleos de poboación como Sarandóns e pasando por lugares como a contorna do Pazo de Macenda, a ETAP de Cañás ou o Observatorio de Aves de Crendes, para rematar no monumento aos Mártires de Carral.

O deputado de Transición Ecolóxica, José Ramón Rioboo, destaca que esta iniciativa se suma "aos traballos que desde a Deputación estamos a facer para crear 130 novos quilómetros de sendas ciclistas en 19 concellos coruñeses", sinala. Un proxecto que contou tamén co cofinanciamento de fondos FEDER e que inclúe a creación da primeira Vía Verde da provincia, que conecta o municipio de Cerceda co de Oroso empregando as antigas vías de ferrocarril e que este se estenderá ata Santiago de Compostela