Estás en:Novas

A Deputación financia con 62.000 euros as actividades e o servizo de atención a visitantes do dolmen de Dombate

A Deputación financia con 62.000 euros as actividades e o servizo de atención a visitantes do dolmen de Dombate

A colaboración entre a Deputación da Coruña e o Concello de Cabana para a posta en valor e mantemento da coñecida como "catedral do megalitismo galego" terá continuidade en 2023. O deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, e o alcalde cabanés, Xosé Muíño, veñen de renovar o convenio para o financiamento, por parte da institución provincial, das actividades e o servizo de atención a visitantes do dolmen de Dombate. Neste exercicio, a Deputación aportará 62.184,41 euros.

Esa achega servirá para sufragar os custos de visitas guiadas, visitas escolares, atención ao cliente, obradoiros de prehistoria dirixidos á rapazada, encontros teatralizados, xornadas, charlas, presentacións, rutas cicloturísticas ou noites de observación de estrelas, entre outras das actividades e servizos que se prestan e realizan no conxunto megalítico.

"Coa renovación do convenio", sinalou Penas, "queremos intensificar a nosa cooperación co Concello de Cabana na xestión cultural e turística do Dolmen de Dombate, como un xeito de promover as posibilidades que ofrece a cultura megalítica como reclamo turístico na nosa provincia".

Penas lembrou que a Deputación leva realizado numerosas actuacións encamiñadas á protección, conservación, rehabilitación, musealización e posta en valor do dolmen bergantiñán. Neste sentido, Penas explicou: "En primeiro lugar adquiriu os terreos onde se sitúa o Dolmen e as leiras lindeiras. A continuación, ordenou a realización das correspondentes campañas de escavación e os estudos e actuacións necesarias para a súa axeitada conservación e, en especial das súas pinturas, de extraordinaria valor arqueolóxica. E ademais construíu un edificio para a súa axeitada protección e outro para a musealización e recepción de visitantes".