Estás en:Novas

A Deputación organiza en febreiro o simposio internacional ‘Apuntando ao mar’ sobre as defensas costeiras do territorio

Terá lugar no Teatro Jofre de Ferrol os días 9, 10 e 11 de febreiro
Expertos internacionais achegarán a súa visión sobre as defensas da costa ao longo da historia e a súa relación co patrimonio, a paisaxe, o medio ambiente e o turismo
Constituiranse catro mesas sobre historia e patrimonio, a paisaxe e o medioambiente do patrimonio militar costeiro e o turismo a través da xestión e o desenvolvemento sostible do patrimonio costeiro
A entidade provincial destinará un millón de euros neste ano 2023 para iniciar a recuperación patrimonial das baterías militares de Ares, Campelo (Valdoviño) e Monte Veloso e Prior (Ferrol)

A Deputación organiza en febreiro o simposio internacional ‘Apuntando ao mar’ sobre as defensas costeiras do territorio

A Deputación da Coruña organiza os días 9, 10 e 11 de febreiro, no Teatro Jofre de Ferrol, o simposio internacional "Apuntando ao mar" sobre as defensas costeiras do territorio ao longo da historia e a súa relación co patrimonio, a paisaxe, o medioambiente e o turismo.

O presidente da entidade provincial, Valentín González Formoso, que tamén formará parte do Comité do Honor do simposio, asegura que "esta convención serve para poñer en valor o patrimonio costeiro da provincia da Coruña e destacar a importancia do noso litoral ao longo da historia como clave para a defensa do territorio".

Formoso quixo destacar tamén "o impacto positivo que terá este evento para a cidade de Ferrol, que durante os tres días concentrará a boa parte dos mellores expertos en toda Europa falando sobre as defensas costeiras do territorio e a súa historia".

A entidade provincial destinará este ano 2023 un millón de euros para iniciar a recuperación das baterías militares de Ares, Campelo (Valdoviño) e Monte Ventoso e Prior (Ferrol), co fin de "poñer en valor e divulgar o patrimonio da comarca a través da recuperación do esplendor destes antigos emprazamentos bélicos, que ademais permitirán afianzalos como enclaves turísticos".

Catro mesas sobre historia e patrimonio e dúas visitas guiadas

O xoves, día 9, a convención arrinca coa primeira mesa, que tratará sobre a historia e o patrimonio nos séculos XVI e XVIII, coordinada por Alfredo Vigo Transancos, da Universidade de Santiago de Compostela. Pola tarde continuará a programación, cun novo coloquio sobre a historia e o patrimonio nos séculos XIX e XX, coordinado por Jesús Ángel Sanchez García, tamén da USC.

A xornada do venres, día 10, ábrese co foro sobre a paisaxe e o medioambiente do patrimonio militar costeiro, coordinada por José M. Yáñez Rodríguez, da Deputación da Coruña. Na quenda de tarde a temática será o turismo, falando da xestión e o desenvolvemento sostible do patrimonio costeiro, nunha mesa coordinada polo arquitecto da UDC, Mario Crecende Maseda.

Na xornada do sábado, día 11, realizaranse dúas visitas guiadas. A primeira conducirá aos participantes a "Exponav" e ao arsenal de Ferrol, que data do século XVIII; e para rematar o simposio os asistentes achegaranse ás baterías militares de Prior, do século XX.

As inscricións, que son de balde, poden realizarse ata o 3 de febreiro a través da páxina web www.apuntandoaomar.com e respectarase rigorosamente a orde de chegada. A capacidade é limitada.

As sesións poderanse seguir en directo a través da páxina web sen necesidade de realizar ningunha inscrición previa