Estás en:Novas

Formoso destaca a mellora da seguridade no núcleo de Serantes tras a execución das beirarrúas na estrada provincial Aneiros – A Cabana

O presidente e o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, anuncian que o 9 de febreiro comezan as expropiacións para a terceira fase do proxecto, as beirarrúas da Cabana

As tres fases do proxecto suman un investimento total de 1,7 millóns de euros, cumprindo co compromiso adquirido coa veciñanza de Ferrol para a mellora da seguridade na zona

Formoso destaca a mellora da seguridade no núcleo de Serantes tras a execución das beirarrúas na estrada provincial Aneiros – A Cabana

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, visitou na mañá de hoxe xunto co alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e membros da asociación de veciños San Salvador de Serantes, entre eles o presidente da entidade, Luis Casas, o núcleo ferrolán de Serantes para comprobar de primeira man o resultado das obras das obras de construción de beirarrúas e mellora da seguridade da estrada provincial DP-3612, de Aneiros a Cabana.

As obras, que xa están practicamente rematadas, a falta dos últimos detalles, desenvolvéronse desde a rotonda do centro de saúde (pk 0+300) e o punto quilométrico 1+100, incluíron a ampliación da calzada ata os 7 metros de ancho con beiravías de 0,5 metros e construción de beirarrúas de dous metros de ancho que contribúen a unha notable mellora da seguridade peonil nunha zona con numerosas vivendas, que da acceso ao centro de saúde e a instalacións educativas e deportivas, e que rexistra un intenso tráfico de vehículos. Renováronse, tamén, os servizos afectados (rede de saneamento e abastecemento de auga) e a o sistema alumeado público, co novas luminarias LED.

O presidente, Valentín González Formoso afirmou que "con esta renovación, grazas á colaboración da Asociación de Veciños San Salvador de Serantes e á implicación do Concello de Ferrol, que ademais das esixencias da propia obra facilitou as expropiacións, melloramos unha das estradas máis transitadas e perigosas que tiña a Deputación" engadiu Formoso, que subliñou "a importante mellora de seguridade que supón a obra, especialmente para os peóns que antes tiñan que camiñar polo borde da estrada", sen ningún tipo de senda o ou paso peonil.

Formoso indicou que "xa temos aprobada unha nova fase, que rematará cunha rotonda na Cabana, que foi moi complexa de tramitar debido ás barreiras burocráticas, e que contará cun investimento de máis de 700.000 euros".

A terceira fase xa está en marcha

Esta actuación completarase cunha terceira fase, que xa foi aprobada no pleno da Deputación de novembro de 2022. "O proceso de expropiación dos terreos comezará o vindeiro 9 de febreiro, co levantamento de actas previas", apuntou Formoso, que destacou que "a suma dos tres proxectos para a execución desta estrada elévanse ata os 1,7 millóns de euros de investimento, cumprindo o compromiso que adquirimos coa veciñanza e o Concello de Ferrol, que viña demandando durante décadas esta obra tan necesaria para mellorar a seguridade neste núcleo".

Nesta terceira fase do proxecto, as obras desenvolveranse entre os puntos quilométricos 1+180, coincidindo coa intersección coa estrada a Balón (onde está a farmacia), e 1+640, onde está túnel da Malata, e incluirán a ampliación da calzada ata os 7 metros de ancho con beiravías de 0,5 metros e construción de beirarrúas de dous metros de ancho que contribuirán a mellorar a seguridade peonil nunha zona con numerosas vivendas que rexistra un intenso tráfico de vehículos.

Segundo apuntou Ángel Mato, alcalde de Ferrol, "hoxe mostramos a nosa felicidade, pois vemos cumprida unha demanda que xa se viña solicitando desde hai máis de 15 anos". O rexedor resaltou que "na contorna deste barrio sitúanse servizos públicos básicos, como o centro de Saúde, que grazas a estas novas infraestruturas van ter un acceso moito máis doado, seguro e tranquilo para a veciñanza."

Na súa intervención o presidente da Asociación de Veciños de San Salvador de Serantes, Luis Casas, afirmou que se trataba "dun día de ledicia para a toda a veciñanza despois de tanto tempo agardando polas beirarrúas" e quixo "darlle as grazas, tanto á Deputación como ao Concello pola súa implicación á hora de sacar adiante este proxecto".