Estás en:Novas

Igualdade da Deputación destina 850.000 euros a dúas liñas de axudas para entidades que traballan a prol das políticas de xénero

A institución provincial abre unha nova liña de axudas, cun orzamento de 400.000 euros, para subvencionar o equipamento, inmobles ou mobiliario das entidades que desenvolvan políticas de xénero

Súmase á convocatoria, cun orzamento de 450.000 euros, de subvencións a entidades sen fins de lucro co ánimo para promover o desenvolvemento de programas de igualdade entre homes e mulleres e impulsar a loita contra a violencia de xénero

Igualdade da Deputación destina 850.000 euros a dúas liñas de axudas para entidades que traballan a prol das políticas de xénero

Xa está aberto o prazo para que entidades sen fins de lucro poidan presentar solicitudes para as axudas destinadas a desenvolver programas igualdade entre homes e mulleres e impulsar a loita contra a violencia de xénero. Trátase da liña de axudas da área provincial de Igualdade para a que destina un orzamento total de 450.000 euros en 2023, cunha achega de entre 1000 de 40.000 euros por entidade beneficiaria. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 10 de marzo.

A institución provincial tamén abre este ano unha nova liña de axudas que completa a súas políticas de xénero. Trátase dunha partida para que as entidades que desenvolvan actividades pola igualdade e contra a violencia sexista poidan solicitar financiamento para investimento (adquisición, construción, reforma, ampliación e mellora de inmobles, equipamentos e mobiliario) non subvencionado anteriormente pola Deputación. Neste caso, a Deputación destina un orzamento de 400.000 euros, e as axudas a conceder serán de ata un importe máximo de 28.000 euros por entidade beneficiaria. Os solicitantes teñen tamén ata o 10 de marzo para tramitar as solicitudes.

«Desde o departamento de Igualdade da Deputación», explica a deputada María Muíño, «temos que apoiar políticas que promovan accións de empoderamento e participación social, programas de mellora da empregabilidade, actividades de fomento da igualdade entre homes e mulleres ou proxectos que incidan no eido da conciliación familiar e a responsabilidade compartida». «Nese sentido», engade, «queremos seguir avanzando no noso plan de acción, que inclúe a Escola de Formación e Igualdade ou a rede de axentes pola igualdade, e para iso é imprescindible que subvencionemos programas socioeducativos ben formulados e planificados e que teñan continuidade».

Tanto as solicitudes como o resto da tramitación destas dúas convocatorias realizaranse por vía telemática a través da plataforma SUBTEL, accesible dende a sede electrónica da Deputación.