Estás en:Novas

Volve o Festival Rosalía para festexar o galego como “o noso superpoder”

Terá lugar o venres 24 e o sábado 25 con actividades para todos os públicos, con concertos, paseos literarios, un faladoiro, propostas escénicas e a feira de produtos rosalianos

Está organizado pola Deputación da Coruña, coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, e desenvolverase en varios espazos da cidade vella como a praza de Cervantes, o Teatro Principal, o CSC Maruxa e Coralia e o Colexio Maior de San Agostiño

Volve o Festival Rosalía para festexar o galego como “o noso superpoder”

Rosalía volve con forza vestindo capa e anteface para protagonizar o V Festival Rosalía que terá lugar os días 24 e 25 de febreiro en Compostela: dúas xornadas cun amplo e diverso programa de actividades baixo o lema "O galego é o noso superpoder" que organiza a área de Normalización Lingüística da Deputación en colaboración co Concello de Santiago de Compostela.

A programación foi presentada esta mañá no consistorio compostelán pola deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, pola concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e por unha das poetas participantes no Festival, Marina Oural. "O Festival volve con todo o seu esplendor despois do parón obrigado pola Covid" asegurou María Muíño, quen fixo fincapé en que mesmo incrementa a programación e esténdese a dúas xornadas cunha serie de actividades pensadas "como unha oferta activa, na que poder participar, xa non só como público senón tamén percorrendo a cidade para redescubrir a cidade rosaliana".

Segundo explicou a deputada de Normalización Lingüística "tratamos de celebrar todas as facetas da figura da propia Rosalía, tanto como autora e poeta, centrándonos na cultura de noso e na lingua propia, máis tamén como referente feminista, e botando man das nosas creadoras actuais". Neste sentido, o festival contempla unha programación ampla e moi diversa, para todo tipo de públicos, que inclúe concertos, un roteiro liteario, un faladorio, recitais, propostas escénicas e a feira de produtos rosalianos.

Todas esta actividades terán lugar "corazón da cidade vella", tal e como o definiu Mercedes Rosón, en espazos como a praza de Cervantes, o Teatro Principal, o CSC Maruxa e Coralia e o Colexio Maior de San Agostiño. A concelleira de Acción Cultural celebreou a volta desta cita cultural á cidade asegurando que "o Festival é froito de moitas vontades pero é que Rosalía merece todo". Ademais puxo o foco en que "é un festival de mulleres, no que a programación está principalmente composta por mulleres".

Na presentación, tamén participou a poeta Marina Oural, que xunto con Ugia Pedreira ofrecerán o espectáculo de poesía e música "1 Faba, 1 Vida" no CSC Maruxa e Coralia o sábado ás 18:30h. Un espectáculo que segundo explicou naceu en Francia co obxecto de poñer o galego en outros ouvidos novos e recoller a impresión. "Trátase dun guiso de poema e canción" indicou a poeta, que ademais adiantou que "por vez primeira imos meter un feixe de poemas de Rosalía, porque ademais de meterlle o dente aos seus poemas tamén queremos trasladar o enfado aberto de sentir que o galego está sendo percibido como un idioma estranxeiro".

A programación conta con propostas escénicas a cargo de Larraitz Urruzola, Os Quinquilláns e Soledad Felloza, cun paseo literario a cargo de Mercedes Espiño, un recital no que participarán poetas como Andrea Nunes, Ánxela Lema, Lucía Aldao e Diana Kurich, espectáculos que combinan música e poesía como o de Ugia Pedreia e Marina Oural e o recital musicado de Faia, un faladoiro a cargo de María Xesús Lama, Carme Adán e María Reimóndez, e os concertos de Adhara&Rhitman e O Val das Mouras.

Programa

Feira de produtos rosalianos. Feira de produtos que teñen a Rosalía como inspiración, produtos con 'marca Rosalía', activa os días 24 (17.30-21.00) e 25 (12.00-21.00) de febreiro.

Venres 24
17.30h | Apertura da Feira e Benvida de Super Rosalía
18.00h | A VIAXE DE ROSALÍA. Teatro de monicreques a cargo de Larraitz
Urruzola. Praza de Cervantes
19.00h | OS ESPAZOS DE ROSALÍA EN SANTIAGO. Paseo literario con
Mercedes Espiño. Saída da Praza de Cervantes.
20.30h | Concerto de ADHARA & RHITMAN. Praza de Cervantes

Sábado 25
11.00h | Apertura da Feira e Visita de Super Rosalía
12.30h | PRIMAVERA VAI CHEGAR. Recital musicado con Faia. Colexio Maior de San Agostiño.
13.00h| PASARRÚAS ROSALIANO. Pasarrúas teatralizado con Os Quinquilláns. Saída da Praza de Cervantes.
13.30h | PRIMAVERA VAI CHEGAR. Recital musicado con Faia. Colexio Maior de San Agostiño.
16.30h | CHOVE MIUDIÑO. Espectáculo infantil con Sole Felloza. Praza de Cervantes
17.30h | O FEMINISMO EN ROSALÍA: MÁIS UN SUPERPODER. Faladoiro con María Xesús Lama, Carme Adán e María Reimóndez. Praza de Cervantes
18.30h | 1 FABA, 1 VIDA. Poesía e música con Ugia Pedreira e Marina Oural. CSC Maruxa e Coralia.
19.30h | NON HAI QUEN LLOS BOTE. Recital poético con Andrea Nunes, Ánxela Lema, Lucía Aldao e Diana Kurich. Praza de Cervantes
20.30h | Concerto de O VAL DAS MOURAS. Teatro Principal.