Estás en:Novas

Formoso destaca “a aposta da Deputación polo rural” coa instalación das oficinas de transformación dixital e xestión de fondos europeos en pequenos concellos da provincia

O presidente e o alcalde Lois García Carballido clausuraron hoxe a primeira actividade da nova oficina Acelera Pyme de Ponteceso, un obradoiro de mercadotecnia dixital para peme e emprendedores

"Cremos nas posibilidades do noso rural, por iso implantamos en Ponteceso esta oficina que impulsará a transformación dixital das pequenas empresas da provincia e na Capela, unha vila de 1.300 habitantes, a oficina de apoio á xestión de fondos Next Generation", destacou o presidente

"O tradicional sería situar este tipo de oficinas na Coruña ou en Santiago, pero decidimos romper esa dinámica para demostrar a capacidade de prestar servizos de calidade desde pequenos municipios como Ponteceso ou A Capela", sinalou

Formoso destaca “a aposta da Deputación polo rural” coa instalación das oficinas de transformación dixital e xestión de fondos europeos en pequenos concellos da provincia

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, visitaron esta mañá a nova oficina 'Acelera Pyme' da localidade , onde participaron na clausura e no café-networking posterior a un obradoiro de mercadotecnia dixital destinado a peme e emprendedores, a primeira actividade que acolle o centro.

Formoso destacou que o obxectivo desta oficina, creada pola Deputación cun investimento de 468.000 euros cofinanciado co Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, é "impulsar a transformación dixital das pequenas empresas dos 93 concellos da provincia e facelo ademais desde Ponteceso, demostrando que é posible crear actividade a axudar a frear o despoboamento do rural".

"A aposta da Deputación polo rural pasou das palabras aos feitos", destacou o presidente, que afirmou que "cremos nas posibilidades do noso rural, por iso implantamos aquí en Ponteceso esta oficina destinada a apoiar a peme, profesionais autónomos e emprendedores de toda a provincia nos procesos de dixitalización das súas empresas, o que lles permitirá mellorar a súa competitividade".

"Impulsar a dixitalización é clave para lograr que as empresas se asenten tamén en municipios pequenos e contribúan a creación de emprego e oportunidades para a xente moza, en definitiva a loitar contra o despoboamento", afirmou.

No mesmo sentido, destacou que a Deputación instalou a oficina Next Deputación, "a primeira creada en Galicia para apoiar a empresas e concellos na captación e xestión dos fondos europeos Next Generation" na Capela, un pequeno municipio rural de 1.300 habitantes da comarca de Ferrolterra. "Un modelo que, por certo, xa están empezando a replicar agora outras administracións", apuntou.

"O tradicional sería situar este tipo de oficinas na Coruña ou en Santiago, pero decidimos romper esa dinámica para demostrar a capacidade de prestar servizos de calidade de ámbito provincial desde pequenos municipios como Ponteceso ou A Capela", sinalou Formoso, que destacou que o feito de que nestes concellos rurais se xestionen investimentos e actividades tan importantes "ten para nós un gran valor".

Formoso agradeceu o ofrecemento do alcalde, Lois García Carballido, para que Ponteceso acollera a sede desta nova Oficina Acelera Pyme. "Ademais de presidente da Deputación eu son tamén alcalde dunha poboación pequena, polo que compartimos esa sensibilidade. Sabemos que desde os concellos pequenos tamén podemos contribuír a mellorar Galicia", afirmou.

Pola súa banda, o alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, agradeceu a confianza da Deputación para instalar a nova Acelera Pyme no polígono de Tella, "un dos máis dinámicos da comarca", e ofreceu a colaboración do concello "para que se consolide como nun referente en canto ao seu funcionamento" ao tempo que agradeceu á Asociación de Empresarios do Parque de Tella que preside José Ramón Pombo Imia "a súa colaboración esencial para a instalación desta oficina provincial en Ponteceso"

A Oficina Acelera Pyme de Ponteceso

A Oficina Acelera Pyme da Deputación da Coruña dá soporte e asesoramento aos 93 concellos da provincia desde a sede da Asociación de Empresarios do polígono empresarial Tella.

Os principais obxectivos desta oficina son sensibilizar as peme, autónomos/as e emprendedores/as das zonas rurais da Coruña sobre as vantaxes da dixitalización e fomentar a demanda tecnolóxica, dándolles a coñecer as diferentes tecnoloxías TIC; prestar apoio técnico para a obtención de axudas locais, rexionais e nacionais; potenciar o proceso de dixitalización a través de resolución de dúbidas e asesoramento personalizado e servir como punto de encontro de oferentes e demandantes de tecnoloxía para o desenvolvemento de accións de transformación dixital.

A intención é que todas as peme, microempresas e profesionais autónomos/as da provincia teñan ao seu alcance a súa transformación dixital das súas empresas e adaptación ás novas necesidades dun mercado en continúa evolución.