Estás en:Novas

A Coruña, Cabanas, Carballo e Betanzos, primeiras citas da campaña “É por ser muller”

A programación de foros de debate e reflexión, de relatorios e de espectáculos reivindicativos da campaña que está a realizar a Deputación con motivo do 8M, arranca mañá pola tarde na AC Alexandre Bóveda da Coruña

Cabanas, Carballo, Betanzos e Cambre acollerán as seguintes sesións programadas para o mes de marzo, mentres que en Arzúa, Oroso e Zas terán lugar ao longo do mes de abril

"É por ser muller" pon o foco na situación de desvantaxe que sofren as mulleres que, pola súa condición de xénero, teñen que facerse cargo do 'traballo reprodutivo', que engloba o conxunto de traballos que sosteñen a vida diaria da sociedade: o traballo doméstico, mais tamén os servizos públicos de saúde, de educación, da dependencia e do socio-comunitario

A Coruña, Cabanas, Carballo e Betanzos, primeiras citas da campaña “É por ser muller”

"É por ser muller", a campaña que vén de poñer en marcha a área de Igualdade da Deputación da Coruña con motivo do 8M, terá mañá nas instalacións da AC Alexandre Bóveda da Coruña a primeira cita da súa programación. Neste mes de marzo, continará nos concellos de Cabanas, Carballo, Betanzos e Cambre. Mentres que en abril chegará a Arzúa, Oroso e Zas.

As actividades que se levarán a cabo pretenden, entre outros obxectivos, crear espazos de coñecemento dirixido ás traballadoras dos coidados, divulgar a normativa vixente en materia laboral neste sector, impulsar espazos de reflexión e debate arredor das desigualdades de xénero que afectan ao mercado laboral, e dar a coñecer asociacións, organizacións e espazos que loitan polos dereitos das mulleres no ámbito laboral.
Así, na xornada de mañá na Coruña, que se desenvolverá entre as 16:30h e as 19:30h, terán lugar unha palestra, un foro de diálogo e un espectáculo a cargo de AldaoLado. A palestra, baixo título "Voces sobre o marco estrutural do mundo do traballo desde unha perspectiva feminista", contará coa participación de Laura Bugalho, especialista en intervención socioeducativa, sindicalista e activista trans feminista; e de Antía Pérez Caramés, profesora doutora en socioloxía na UDC. Mentres, o foro de diálogo versará sobre "dereitos laborais en sectores feminizados", e participarán Marisol Gómez do SAF de Vilagarcía e Ángeles Mille, secretaria da Asociación de Redeiras Profesionais O Fieital de Malpica representando a ANMUPESCA.

En Cabanas, a sesión terá lugar o martes 14 marzo de 18 a 20h na Casa do Concello; en Carballo será o luns 20 pola mañá no Forum Carbllo; en Betanzos tamén o luns 20 na aula de servizos múltiples de Servizos Sociais pola tarde; e en Cambre o martes 28 de marzo pola tarde no centro municipal de Servizos Sociais.

A programación continúa en Arzúa o luns 17 de abril pola tarde na Capela da Madalena; en Oroso o martes 18 pola tarde no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa; e en Zas o 24 dese mesmo mes.

Convén lembrar que a campaña "É por ser muller" pon o foco na situación de desvantaxe que sofren as mulleres que, pola súa condición de xénero, teñen que se facer cargo do 'traballo reprodutivo', que engloba o conxunto de traballos que sosteñen a vida diaria da sociedade: o traballo doméstico, mais tamén os servizos públicos de saúde, de educación, da dependencia, do socio-comunitario, da igualdade ou do acceso á vivenda. Traballos precarizados ou non remunerados e que constitúen unha das grandes fendas de desigualdade por causa de xénero.