Estás en:Novas

A Deputación destina 126.605 euros para a dinamización de oito coworking da provincia

Os centros da Pobra, As Pontes, A Capela, Ames, Brión, Boiro, Vedra e Moeche recibirán as axudas

A Deputación destina 126.605 euros para a dinamización de oito coworking da provincia

A Deputación da Coruña vén de publicar no Boletín Oficial da Provincia a resolución de concesión da nova liña de subvencións do Plan de Emprego Local: PEL-Rede Coworking, unhas axudas destinadas a dinamización e xestión dos espazos de traballo adheridos á Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña.

Estas axudas tramitáronse en réxime de concorrencia non competitiva, xa que dirixíase exclusivamente a aqueles concellos e entidades que contasen con centros de coworking xa adheridos á Rede Provincial.

Grazas a estas axudas os espazos de coworking da Rede Provincial da Deputación contarán coa asistencia de persoal especializado para a súa xestión, funcionamento e dinamización durante 2023, recibindo ata o 60% dos gastos.

O coworking A Pobra, o Green Coworking das Pontes, o coworking da Capela, o Espazo A Proa de Ames, o centro Transformando en Brión, o LAB Barbanza de Boiro, o Centro de emprendemento A Estación de Vedra e o Centro Comarcal de Desenvolvemento Rural A Fusquenlla de Moeche, todos eles integrantes da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo, beneficiaranse destas axudas, con subvencións que oscilan entre os 8. 580 euros e os 25.500 euros.

Actualmente a Rede Provincial de Espazos de Coworking da Deputación da Coruña está integrada por 11 espazos de traballo colaborativo localizados por toda a provincia, especializados por sectores estratéxicos e que prestan servizos de apoio ao emprendemento e fomento do autoemprego con carácter supramunicipal.

Máis información en: redecoworking.pel.gal