Estás en:Novas

A Deputación e a CEC lanzan unha nova oferta de formación gratuíta para impulsar o emprendemento na provincia

O programa Provincia Emprendedora, integrado no PEL, transforma en accións formativas as necesidades identificadas nas mesas de traballo cos sectores do turismo, as TIC, o audiovisual, o sector primario e as enerxías renovables

A oferta combina cursos especializados e obradoiros prácticos sobre dixitalización, comercio electrónico, xestión financeira, dirección de equipos e cuestións legais e laborais de interese para as empresas

A Deputación e a CEC lanzan unha nova oferta de formación gratuíta para impulsar o emprendemento na provincia

A Deputación da Coruña, a través do Plan de emprego local (PEL) e en colaboración coa Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), pon en marcha unha nova oferta de formación gratuíta no marco do programa Provincia Emprendedora. A iniciativa busca reforzar as capacidades do tecido empresarial da provincia e ofrecer ferramentas prácticas que contribúan á posta en marcha, consolidación e crecemento de novos proxectos e negocios.

A programación está dirixida principalmente a pequenas empresas, persoas autónomas e emprendedoras, e foi deseñada a partir das necesidades e demandas identificadas nas mesas de diagnóstico sectorial desenvolvidas nos últimos meses no marco do programa.

Nestes encontros, nos que participaron profesionais e representantes dos sectores do turismo, as tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), o audiovisual, o sector primario, as enerxías renovables e a sustentabilidade, puxéronse de manifesto algúns dos principais desafíos aos que se enfronta o tecido produtivo da provincia. Entre eles destacan a transformación dixital, a mellora da comercialización, a xestión económica e financeira, as dificultades para captar persoal cualificado e a remuda xeracional.

A nova oferta formativa dálles resposta a estas demandas mediante contidos especializados e de aplicación directa á realidade empresarial, co obxectivo de facilitar a adquisición de competencias, mellorar a competitividade dos negocios e favorecer a súa adaptación aos novos retos do mercado.

Formación especializada adaptada ás necesidades das empresas

O catálogo combina cursos especializados de ata 90 horas de duración con obradoiros prácticos de dúas horas, centrados en cuestións concretas da actividade empresarial. A maior parte das accións desenvolveranse en modalidade virtual ou de teleformación, facilitando o acceso á formación e a súa conciliación coa actividade profesional.

Entre as propostas de maior duración figura o programa avanzado de Márketing e Estratexia Dixital, orientado a mellorar a presenza das empresas na contorna dixital e fortalecer as súas estratexias de comunicación e comercialización. A oferta inclúe tamén formación en Finanzas para non Financeiros, Dirección de Equipos e Coaching e Transformación Dixital da Empresa, ámbitos fundamentais para optimizar a xestión e impulsar o crecemento empresarial.

O comercio electrónico ocupa igualmente un lugar destacado na programación, con accións dirixidas á creación de tendas en liña e á mellora das vendas a través das redes sociais e doutras ferramentas de comunicación dixital.

A estas propostas súmase o MVP Camp Sprint, un programa presencial de carácter intensivo e eminentemente práctico, deseñado polo equipo de SmartAoS para acompañar as persoas participantes no proceso de transformar ideas en solucións reais e validar novas propostas de negocio.

Solucións para os retos da xestión empresarial diaria
Ademais da formación en competencias dixitais e de dirección, Provincia Emprendedora incorpora unha serie de obradoiros breves que abordarán situacións habituais na xestión de empresas e negocios, cun enfoque práctico e orientado á resolución de problemas.

Entre os contidos previstos figuran os procedementos para actuar ante situacións de impagamento, os criterios para elixir a forma xurídica máis adecuada á hora de emprender, as obrigas en materia de protección de datos e as ferramentas para previr situacións de insolvencia.

Tamén se tratarán cuestións vinculadas á xestión de persoal, como o absentismo laboral ou a contratación e regularización de persoas estranxeiras, así como conceptos básicos de finanzas que permitan mellorar a planificación económica e a toma de decisións no día a día dos negocios.

Con esta combinación de formación especializada e obradoiros de curta duración, o programa pretende ofrecer unha resposta flexible e útil tanto ás empresas que buscan incorporar novas competencias como ás persoas emprendedoras que precisan orientación para iniciar ou consolidar a súa actividade.

Primeiras formacións a partir do 28 de outubro

O prazo de inscrición para as primeiras accións formativas xa está aberto. A programación arrancará a finais de outubro coa apertura progresiva das plataformas de formación dos primeiros cursos.

En concreto, o acceso ao programa avanzado de Márketing e Estratexia Dixital estará dispoñible a partir do 28 de outubro, mentres que o curso Venda en liña na empresa: redes sociais e ferramentas de comunicación abrirá a súa plataforma o 2 de novembro.

Pola súa banda, a formación en Dirección de Equipos e Coaching comezará o 4 de novembro, cunha modalidade mixta que combinará o traballo a través da plataforma formativa con sesións virtuais impartidas por persoas expertas na materia.

O catálogo continuará ampliándose con novas accións e obradoiros ao longo do desenvolvemento do programa, atendendo ás prioridades identificadas e ás necesidades do tecido empresarial da provincia.

Inscricións e máis información

Todas as actividades son gratuítas. As persoas interesadas poden consultar a oferta formativa completa, coñecer as características de cada curso e formalizar a súa inscrición a través da páxina web da Confederación de Empresarios da Coruña:

https://www.cec.es/impulsa-coruna-formacion/

Para obter máis información sobre o programa Provincia Emprendedora e as súas liñas de actuación, pódese consultar a páxina web do Plan de emprego local da Deputación da Coruña:

https://emprego.dacoruna.gal/axudas/provincia-emprendedora/