Estás en:Novas

Fuco Reyes gaña o XVII Premio Ksado de fotografía cunha serie documental sobre a mocidade contemporánea

A súa colección 'El espejo de Claude' é o resultado dun proxecto realizado con adolescentes de diferentes IES do país ao longo dun ano, e da que o xurado valorou a súa "audacia na execución"

Fuco Reyes gaña o XVII Premio Ksado de fotografía cunha serie documental sobre a mocidade contemporánea

A serie documental 'El espejo de Claude', que aborda "a incertidume da adolescencia ante o mundo", foi seleccionada como gañadora do XVII Premio 'Luís Ksado' de creación fotográfica, que unha vez aberta a plica resultou ser obra do fotógrafo compostelán Fuco Reyes.

O xurado que valorou o total das coleccións presentadas nesta edición estivo composto pola presidenta da axencia Magnum, Cristina de Middel, polo fotógrafo publicitario e de moda, Eugenio Recuenco, polo director de Encuentros de Fotografía de Gijón, Esther Maestre, polo director do magazine dixital de fotografía Clavoardiendo, Roberto Villalon, pola profesora da Escola de Imaxe da Coruña, Isabel Romero; e presidido polo deputado de Cultura, Xurxo Couto. Actuou como secretaria Mercedes Fernández-Albalat Ruiz, xefa do Servizo de Acción Social, Cultura e Deportes e estivo presente Xurxo Lobato, comisario do Premio.

No seu informe, o xurado salientou "os riscos que asume 'El espejo de Claude' executando con audacia unha proposta cunha gran variedade de imaxes pero mantendo a coherencia narrativa e visual no conxunto da serie".

A colección presentada por Fuco Reyes forma parte dun proxecto documental que o fotógrafo compostelán realizou ao longo do último ano por diferentes IES de Galiza, traballando co alumnado en obradorios específicos. Neste sentido, o informe do xurado salienta que as imaxes desta serie "trasmiten a incertidume dos e das adolescentes ante un mundo ao que comezan a enfrontarse".

Fuco Reyes (Santiago de Compostela, 1965). Comezou profesionalmente en fotografía de interiorismo e arquitectura, industrial e social. Realizou traballos para diferentes empresas, administracións públicas e ten diversas publicacións e catálogos de obra de arte. Ensina cursos de fotografía na USC a través da plataforma Node Estudos de Arte online, e na actualidade está fotografando o patrimonio cultural da USC. Realizou diversas exposicións, entre elas no Centro Galego de Arte Contemporánea, e recibiu diferentes premios estatais de fotografía profesional desde o ano 2010 nas categorías de fotografía industrial, arquitectura e paisaxe.