Estás en:Novas

A Deputación destina 1,7 millóns de euros a mellorar o sistema de abastecemento de auga do Concello de Ares

O orzamento do proxecto elévase ata os 4,2 millóns de euros, dos que a entidade provincial financia o 40 %, Augas de Galicia outro 40 % e a Administración Local o 20 % restante

A Deputación investiu en Ares máis de 9.800.000 euros en diferentes achegas nos últimos oito anos destinados a mellorar as súas infraestruturas

O obxecto desta actuación é o de mellorar o sistema de abastecemento, dotándoo da infraestrutura en alta necesaria para o seu correcto funcionamento e, á súa vez, renovar as instalacións existentes

A Deputación destina 1,7 millóns de euros a mellorar o sistema de abastecemento de auga do Concello de Ares

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde do Concello de Ares, Julio Iglesias Redondo, asinaron no día de hoxe o convenio de colaboración polo que a entidade provincial achegará 1,7 millóns de euros para mellorar o sistema de abastecemento de auga do municipio. "Trátase do convenio mais grande que se asinou nos últimos 8 anos na Deputación. É un orgullo poder axudar a garantir o subministro de auga en Ares e evitar problemas que teñen todos os veráns, debido ao incremento da súa poboación en temporada estival", afirmou Formoso.

Este investimento é una mostra máis do compromiso que mantén a Deputación cos concellos da provincia na mellora das súas infraestruturas e, de feito, no caso de Ares o compromiso se comproba nun investimento de máis de 9.800.000 euros en diferentes achegas. De feito, nos vindeiros días viremos a aperturar o segundo tramo que conecta Ares con Chanteiro e a senda peonil entre Ares e Redes", apuntou o presidente.

Pola súa banda, o alcalde de Ares, Julio Iglesias, lembrou o problema de abastecemento que padeceu durante anos o seu concello e que espera solucionar grazas a esta actuación. "Hoxe poñemos a primeira pedra para solucionar o problema de abastecemento do noso concello. Grazas a esta obra arranxaremos os nosos problemas actuais que se acrecentan no verán polo aumento da poboación", apuntou Iglesias.

O orzamento total do proxecto elévase ata os 4.263.152 euros dos que a entidade provincial achega 1.712.000 euros (40%), Augas de Galicia inviste 1.705.260 euros (40%) e o Concello de Ares completa a cantidade total con 840.891 euros (20%).

A achega por parte da entidade provincial chegará en tres anualidades durante 2023 (600.000 euro), 2024 (600.000 euros) e 2025 (512.000 euros). O investimento por parte de Augas de Galicia será da mesma porcentaxe nas mesmas anualidades. Pola súa banda, o financiamento do Concello de Ares realizarase, tamén en tres anos, cun investimento de 285.333 euros en cada un dos exercicios.

O obxecto deste proxecto é o de mellorar o sistema de abastecemento de auga de Ares, dotando a este sistema da infraestrutura en alta necesaria para o seu correcto funcionamento e, á súa vez, renovar as instalacións existentes.

Ademais, as novas infraestruturas estarán dotadas de todos os elementos auxiliares que permitan a operación controlada e segura do sistema, garantindo un subministro de auga á poboación coas presións mínimas axeitadas; a continuidade do servizo de abastecemento de 24 horas en todo o concello e a dotación ao municipio dunha capacidade de reserva de auga potable en cantidade suficiente para situacións de emerxencia.

A Deputación financiará os gastos derivados do contrato da execución de obras, no que se inclúe a redacción de proxectos, os tributos pola obtención de licenzas, os honorarios pola dirección de obra, a coordinación de seguridade e saúde, o control de calidade, etc.

Coa execución desta obra vaise solucionar unha problemática que se veu agravando durante os últimos anos, nos que a poboación do Concello de Ares medrou considerablemente, e no que as súas infraestruturas non se melloraron na mesma medida.