Estás en:Novas

Relatos sobre Ponteceso, Betanzos e Boiro gañan o certame #HoxeEscriboEn

O vicepresidente e deputado de turismo, Xosé Regueira, e a deputada de cultura, Natividad González, fixeron entrega dos galardóns nun acto celebrado na Biblioteca Provincial

A gañadora do primeiro premio é María Luisa Vidal Collazo, cun relato referido a Ponteceso; o do segundo, Diego Fernández Fernández, a Betanzos, e a do terceiro María José González López, a Boiro

Relatos sobre Ponteceso, Betanzos e Boiro gañan o certame #HoxeEscriboEn

A Biblioteca Provincial acolleu hoxe a entrega de premios do certame #HoxeEscriboEn 2023. O vicepresidente e deputado de turismo, Xosé Regueira, e a deputada de cultura, Natividad González, entregaron os galardóns ás persoas gañadoras: no primeiro posto, María Luisa Vidal Collazo, por "Estou aquí", un relato referido a Ponteceso; no segundo, Diego Fernández Fernández, por "O desencravo", sobre Betanzos, e no terceiro María José González López, por "El pazo de Goiáns", de Boiro.

O xurado, formado polo vicepresidente Xosé Regueira; as vogais Patricia Cernadas Novo e Paula Cabado Brea e a secretaria Carmen María Ferreiro Villaverde, Bibliotecaria e directora da Biblioteca provincial, elixiu "Estou aquí" como relato gañador "por ser un texto lírico que expresa con gran beleza os sentimentos e as emocións, co mar como parte da identidade". No caso de "O desencravo", por utilizar a ironía e o humor, destacando polo seu estilo fluído e orixinalidade. E, "El pazo de Goiáns", por transmitir fantasía, coidada prosa e evocar un mundo onírico.

O certame #HoxeEscriboEn, convocado pola área de Turismo en colaboración coa Biblioteca provincial, premia ás persoas gañadoras con estadías e experiencias en cabanas e establecementos rurais da provincia e lotes de produtos representativos de selos de calidade e sustentabilidade.

O obxecto do concurso é o fomento do talento creativo, a animación á escritura e á lectura, e a difusión do patrimonio cultural e turístico dos concellos da provincia da Coruña, contribuíndo a sensibilizar sobre os recursos naturais, culturais e medioambientais de cada un, e a importancia de preservalos.