Estás en:Novas

A comarca de Bergantiños recibe en 2024 máis de 8,7 millóns do Plan único da Deputación na súa fase inicial

O Plan único é a ferramenta da Deputación para o financiamento de obras e servizos públicos dos concellos, e destina un total de 50,5 millóns de euros para toda a provincia

A deputada de plans provinciais, Cristina García, estivo esta mañá no Concello de Malpica de Bergantiños, onde presentou os datos da comarca e visitou unha das obras do Plan único no municipio bergantiñán

A comarca de Bergantiños recibe en 2024 máis de 8,7 millóns do Plan único da Deputación na súa fase inicial

8.745.320,76 € é a cantidade que a Deputación da Coruña inviste na comarca de Bergantiños, neste 2024, de maneira inicial, a través do Plan único: a ferramenta que lle permite financiar as obras e servizos públicos dos concellos da provincia. Esta cantidade forma parte dos 50,5 millóns de euros que se destinan a toda a provincia nesta fase inicial do plan, aprobada a finais de 2023 no pleno da Deputación. Así o anunciou esta mañá a deputada de Plans Provinciais, Cristina García, na súa visita a Malpica, onde tamén aproveitou para coñecer unha das obras financiadas, acompañada do alcalde do municipio, Eduardo Parga e parte da corporación municipal.

Maior autonomía para os concellos
A deputada lembrou que "grazas ao Plan único (POS+) da Deputación da Coruña, os concellos teñen unha maior autonomía para distribuír os recursos públicos en función das súas prioridades". Trátase, afirmou, "do maior plan de cooperación municipal de Galicia e un dos máis importantes de España". No caso de Malpica, o Plan único destinouse, por unha banda, a cubrir parte do gasto corrente e, por outra, a obras como as actuacións de mellora das infraestruturas na praza da Fonte Vella e rúa Barreiro, que visitaron esta mañá a deputada e o alcalde.

O concello de Malpica de Bergantiños recibe, neste exercicio, unha partida inicial de 407.850€ a través deste plan "pensado para mellorar o benestar e a calidade de vida da veciñanza, especialmente dos núcleos de poboación máis pequenos". Unha cantidade que forma parte do investimento total da comarca de Bergantiños, que nos últimos anos recibiu 94.286.119,52 €.
Cristina García sinalou que se trata dunha fase inicial e que "nos próximos meses previsiblemente aprobarase unha segunda fase que habilitará unha nova partida e que incrementará o investimento nos concellos, o que lles permitirá avanzar en novos proxectos".