Estás en:Novas

A Deputación apoia con 18.000 euros a actividade da confraría de pescadores de Pontedeume

A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, reuniuse co alcalde, Bernardo Fernández, e o patrón maior de Pontedeume dentro da rolda de contactos que está a manter cos representantes das entidades

As axudas deste ano poden solicitarse ata o 19 de abril están destinadas a financiar a actividade dos pósitos e contan cunha liña de 500.000 euros á que este ano se une outra de 150.000 máis para o desenvolvemento de festas de exaltación dos produtos pesqueiros

A Deputación apoia con 18.000 euros a actividade da confraría de pescadores de Pontedeume

A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán Cancelo, mantivo onte na confraría de pescadores de Pontedeume unha reunión co alcalde e deputado provincial Bernardo Fernández e co patrón maior, Santiago Salgado, co obxecto de explicar as novas liñas de subvencións deste ano e interesarse polas situación que atravesa o sector pesqueiro e marisqueiro no municipio e das problemáticas que lles afectan.

A deputada explicou que, aínda que a Deputación non ten competencias directas no sector pesqueiro, creou neste mandato unha área de goberno específica para as actividades relacionadas co mar e o agro, dada o súa importancia estratéxica para o desenvolvemento socioeconómico no rural.

A confraría de Pontedeume recibiu o ano pasado unha subvención de 18.000 euros, que podería incrementarse este ano grazas á suba do orzamento do programa de subvencións para confrarías e agrupacións de mariscadoras e mariscadores da provincia.

Capelán lembrou o goberno provincial incrementou este ano as axudas ao sector pesqueiro e marisqueiro, que pasan dun orzamento anual de 500.000 a 650.000 euros.

Desta partida, medio millón de euros a apoiar ás confrarías e agrupacións de mariscadoras na mellora e modernización dos seus procesos produtivos, mediante accións como o aluguer de maquinaria ou equipamentos, a contratación de persoal de vixilancia ou a adquisición de sementes de moluscos.

A isto súmase unha liña de 150.000 euros para apoiar a celebración de actividades e festas de exaltacións do produto pesqueiro. Tal como explicou a deputada, esa novidade respecto ás convocatorias de anos anteriores é froito de diversas suxestións recollidas de contactos coas entidades. Con ela preténdese reforzar o impacto de festas que constitúen un gran escaparate para a promoción de peixes e mariscos.

A Deputación da Coruña mantén aberto o prazo para que as confrarías de pescadores, federacións de confrarías e soliciten as axudas provinciais destinadas ao financiamento das súas actividades. Estas entidades poderán formalizar as súas peticións ata as 14.00 horas do vindeiro 19 de abril.

En ambos eixos das subvencións, as actividades obxecto das axudas deben realizarse dentro deste ano. As bases poden consultarse na seguinte ligazón: https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2024/03/07/2024_0000001564.pdf