A Deputación pon en valor o empoderamento das mulleres do mar de Noia a través da formación en comunicación e liderado
A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, participou na entrega de diplomas ás 14 profesionais do sector que completaron con éxito esta iniciativa de capacitación
A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, participou na clausura do curso de habilidades de comunicación e participación en igualdade para as mulleres do mar de Noia. Esta acción formativa, celebrada ao longo dos meses de marzo, abril e maio, estivo organizada por Mulleres Salgadas co financiamento da institución provincial. Capelán foi a encargada de entregar os correspondentes diplomas ás 14 mulleres participantes.
A formación estivo dirixida especificamente a mariscadoras e outras traballadoras do mar que buscaban mellorar as súas capacidades comunicativas, fortalecer o seu liderado e adquirir unha maior seguridade á hora de participar nas diferentes estruturas e órganos de decisión do sector.
