O concurso ‘Quero Cantar’ 2024 elixirá gañadores/as na Gala do Teatro Colón o sábado 20 de abril
Con entrada de balde ata completar aforo (reservas vía www.ataquilla.com), o sábado 20 de abril, ás 19:00 horas
Na modalidade infantil resultaron finalistas os grupos @s Tareixas, de Redondela; Hush, de Teo e Sementarei, de Santiago de Compostela
Na modalidade xuvenil resultaron finalistas Daniela Montes, da Laracha; Interestelares, de Cangas do Morrazo, e esTilos, de Teo
Santiago de Compostela, Teo, A Laracha, Redondela ou Cangas do Morrazo son localidades de orixe dos integrantes dos grupos que enviaron as propostas seleccionadas polo xurado do concurso de música infantil e xuvenil 'Quero Cantar'. Un certame consolidado xa na súa sétima edición: cada ano ponllo máis difícil ao xurado que destaca a elevada calidade das pezas recibidas e o complexo da peneira.
E só seis podían estar na gala final que se celebrará no Teatro Colón da Coruña este sábado 20 de abril. Subirán ao escenario en primeiro lugar @s Tareixas, Hush e Sementarei, os seleccionados na categoría infantil (ata 12 anos e con posibilidade da presenza dunha persoa adulta), e posteriormente actuarán os finalistas na categoría xuvenil (de 13 a 16 anos): a solista Daniela Montes, e os grupos Interestelares e esTilos. Na gala actuará tamén Onda Dagda, grupo amesán con pegada de edicións anteriores do #QueroCantar entre os seus integrantes, que demostra que a faísca do concurso alumea proxectos e fai canteira na música do país.
A complicada peneira previa correspondeulle nesta edición 2024 a un xurado composto por persoas vinculadas profesionalmente ao mundo da música integrado por Ángeles Dorrio, Silvia Penide, Sofía Espiñeira, Brais das Hortas e Mondra. O xurado estivo presidido pola deputada de Cultura, Natividad González Rodríguez, actuando como secretaria a xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes, Mercedes Fernández- Albalat. Tamén estivo presente, sen voz e sen voto, o comisario do concurso, Tono Formoso. Mais, lembramos que na gala final, o xurado estará integrado por nenos e nenas e por mozos e mozas con formación musical e do mesmo abano de idade que as bandas e solistas seleccionadas para a final.
A gala estará presentada pola actriz e contadora Soledad Felloza. A asistencia á gala final será de balde, previa retirada de convite na web do Teatro Colón (a través da plataforma www.ataquilla.com).
Finalistas na categoría infantil:
@s Tareixas é un grupo de Redondela, integrado por un pai e os dous fillos, nena e neno, cunha canción sobre a súa avoa, titulada "A cadeira da avoa".
HUSH é un grupo de seis nenas e nenos que estudan na escola 'Entre Caixas', de Calo, Teo. O seu é o rock clásico e a canción coa que se presentan ao concurso chámase "Estaría ben".
Sementarei é un grupo de seis nenas e nenos estudantes das Escolas de ensino Semente, de Santiago de Compostela. Chegan á sétima edición do concurso coa canción titulada "Umha valsa para Gaza", que quere ser un alegato contra o xenocidio en Gaza.
Finalistas na categoría xuvenil
Daniela Montes é unha solista da Laracha que se acompañará na súa actuación co piano. Presentaranos unha canción de desamor titulada "Non todo era malo".
Interestelares é un grupo de catro nenas e nenos de Cangas do Morrazo que chega ao concurso coa canción que titularon "Lume". A peza está inspirada nun suceso real: o incendio que ameazou gravemente a casa da compositora do grupo.
esTilos é un grupo formado exclusivamente por guitarristas, rapaces e rapazas, alumnos de guitarra nas clases de Miguel Alonso no seo da asociación cultural e recreativa Os Tilos, de Teo. Presentáronse coa canción "Ollos mentireiros", unha peza contra os estereotipos de beleza.