Estás en:Novas

As oportunidades do plató virtual da Deputación da Coruña para o audiovisual galego, a debate no Foro Económico “La Galicia que viene”

"A nosa idea é crear na Cidade das TIC o gran Hub Audiovisual de Galicia, nun entorno único de innovación, tecnoloxía e coñecemento que está chamado a ser unha referencia a nivel estatal" afirmou a deputada de Emprego, Rosa Ana García 

As oportunidades do plató virtual da Deputación da Coruña para o audiovisual galego, a debate no Foro Económico “La Galicia que viene”

Coruña Estudo Inmersivo (CEI), o estudo virtual de produción audiovisual que a Deputación está construíndo na Cidade das TIC e as oportunidades que esta infraestructura suporá para o sector audiovisual galego, foi durante a xornada de hoxe o tema central dunha das mesas de debate dentro do foro "La Galicia que viene", organizado por Quincemil e El Español na cidade da Coruña.

A mesa contou coa participación da deputada de Emprego, Rosa Ana García, o presidente do Clúster Audiovisual Galego, Alfonso Blanco, o xerente da Cidade das TIC, Alfonso Martínez e o CEO de Ilux, Manuel Meijide.
Rosa Ana García explicou que Coruña Estudo Inmersivo (CEI) é un estudo de características similares ao Stage 15 de Amazon Virtual Studios en California que a Deputación está construíndo na Cidade das TIC da Coruña. "Será o maior estudo virtual de España e permitirá crear contidos de ficción, realidade virtual e aumentada para a súa aplicación no ámbito cinematográfico, televisivo, publicitario ou dos videoxogos".

A deputada destacou que o CEI supón un investimento de 8 millóns de euros, cofinanciado pola Deputación da Coruña e o Plan de Recuperación do Goberno de España, e "está chamado a revolucionar a potente industria audiovisual galega", que hoxe crea series e películas que son vistas por millóns de persoas arredor do mundo, mantén máis de 4.500 empregos, factura 411 millóns de euros anuais e agrupa a máis de 700 empresas, o 75% delas na provincia da Coruña; "pero ademais é un sector estratéxico pola proxección exterior que supón para Galicia a nivel nacional e internacional e polas oportunidades de crecemento que ten coa aparición das plataformas audiovisuais, que dispararon nos últimos o investimento na creación de contidos".

"Por iso, a nosa idea é crear na Cidade das TIC o gran Hub Audiovisual de Galicia, nunha contorna única de innovación, tecnoloxía e coñecemento que está chamado a ser unha referencia a nivel estatal e que estou segura de que, vai marcar un antes e un despois no futuro do audiovisual galego", afirmou a deputada, que puxo en valor a importancia da colaboración institucional para facer realidade este proxecto.