Día de Rosalía de Castro 2025
Conmemoramos un ano máis o nacemento da escritora achegándovos unha obra moi especial que conservamos na Biblioteca.

O Día de Rosalía celébrase todos os 23 de febreiro porque conmemoramos o nacemento da escritora, que ademais é a autora do primeiro libro íntegro en galego que marca o inicio do Rexurdimento: Cantares gallegos, e polo tanto figura clave da nosa cultura.
Engadido a isto, esta obra asóciase á lírica e á esfera popular galega. Este ano 2025, en consonancia coa dedicatoria do Día das Letras Galegas ás cantareiras, escollemos homenaxear a parte da súa obra que está inspirada en poemas e romances populares e de tradición oral, que nomeadamente se recollen no seu "Cantares gallegos". Parafraseando a García Negro, Rosalía nesta obra elevou á literatura culta a lingua e a cultura populares, escollendo o pobo como suxeito histórico rachando coa carga de desprezo exterior e tamén de autoodio interno. De xeito que o pobo emerxe como suxeito de cultura e protagonista da súa propia historia (Cantares gallegos, hoxe: unha lectura actualizada de Rosalía de Castro / María Pilar García Negro, GAL/16703).
Esta autora indícanos que era moi boa coñecedora de metros e melodías populares, e polo tanto ben capaz de reunir o ritmo e a palabra, que son as bases das orixes da poesía.
Por outra banda, autores como Pilar Vázquez Cuesta destacan o recurso de Rosalía á tradición da poesía popular para vehiculizar a protesta e a afirmación patriótica (Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro / Francisco Rodríguez, GAL/197).
En resumo, polo que queremos destacar en particular esta edición de Boreal da súa "Obra poética e manuscritos", é por atopar entre as súas reproducións algúns autógrafos que se conservan no Arquivo da Deputación da Coruña, nos que podemos observar claramente que as construcións e temáticas populares son o fío condutor e a súa inspiración.
Este que custodiamos na Biblioteca trátase do exemplar número 212 dunha tirada limitada a 313 exemplares, ilustrados con 9 imaxes asinadas por Gosia Trebacz. Podes consultalo na Biblioteca da Deputación coa sinatura RA/248.